Continúan as negociacións nos consorcios de bombeiros, mentres seguen peches e incidencias na prestación do servizo ante a falta de persoal

por Redacción Galicia

Cúmprese máis de un ano desde que o colectivo de bombeiros pertencentes aos Consorcios Provinciais iniciaran en maio de 2023 unha campaña de protestas a nivel galego enfocadas en reclamar unha serie de melloras das súas condicións de traballo perante as administracións responsables dos seus servizos: Xunta de Galicia e Deputacións Provinciais.

Hai un ano que se decretaba unha folga indefinida, que non sendo secundada puxo de manifesto o colapso do servizo polo mero feito de que os traballadores deixaron de realizar horas extraordinarias de carácter voluntario, poñendo en evidencia a palpable carencia de efectivos, a inseguridade das dotacións mínimas, e aclarando, en contundentes mobilizacións, as importantes diferencias que existen con outros profesionais do sector: peores salarios e maiores cargas horarias.

As protestas dos traballadores leváronse ás portas do Despacho do Presidente da Xunta, no pazo de Raxoi, onde estiveron acampados por máis dun mes na Praza do Obradoiro, onde explicaban a veciños e visitantes as carencias do seu servizo.

O véspera de iniciar a campaña electoral das autonómicas deste ano, logo de máis de 7 meses de folga, de acumular mais de 600 peches de parques por falta de persoal e numerosas manifestacións e protestas, os traballadores chegan a un trato con Xunta e Deputacións para anunciar a desconvocatoria da folga ás portas da campaña, adquirindo as partes o compromiso de iniciar (despois das eleccións) un proceso negociador que abarcaría as puntos clave reclamados pola parte traballadora, logo do cal, tras chegar a acordos, se daría por pechado o conflito laboral.

A día de hoxe, o conflito segue aberto, pero coa necesaria contención para que o proceso negociador se manteña vivo. “Os avances están sendo máis lentos do que agardabamos e por suposto moi lonxe dos dous ou tres meses nos que se nos prometera que xa estaría todo arranxado, pero Roma non se fixo en dous días”, aclara Honorino Raña, desde a parte sindical.

As partes implicadas na negociación, observan con preocupación o calendario, xa que se achega o verán e con el a campaña de incendios, e os traballadores continúan sen facer horas extraordinarias de carácter voluntario, feito que compromete a continuidade da prestación dun servizo esencial que segue sen estar debidamente dimensionado e mal retribuído. “Será preciso atopar unha solución axiña que nos permita salvar a vindeira tempada.” indica José Luis Pareja, desde a parte sindical.

Segundo Moisés Fernández, “O conflito segue aberto e confiamos poder pechalo canto antes. Para iso serían precisos avances e compromisos, pero a negociación vai máis lenta do agardado a pesar dos esforzos de todas as partes.”

“A nosa postura pasa por obter unha solución común para os traballadores dos catro Consorcios Provinciais, tal e como establece a Lei de Emerxencias de Galicia e o acordo polo que se fixo a desconvocatoria da folga ao comezo do mes de febreiro,” apunta Ángel Moldes,.

A día de hoxe os traballadores seguen coas mesmas condicións laborais, facendo a máxima xornada horaria permitida en España, lonxe da dos empregados públicos, o mesmo salario que percibían antes de comezar as protestas e co mesmo número de efectivos. “Non hai avances palpables pero agardamos que pronto poidamos cerrar moitos aspectos dunha atacada.” explica Álvaro Negreira, que non quere deixar de poñer en valor o recoñecemento por parte dos catro Consorcios da condición de persoal laboral fixo de todos os traballadores conforme á xurisprudencia ditada polo Tribunal Supremo, logo da subrogación dos bombeiros na administración pública.

Actualmente as negociacións céntranse nas relacións de postos de traballo, de onde manarán as cifras de novas contratacións e as novas retribucións dos empregados. Mentres, os parques seguen co seu goteo de peches, e incidencias na prestación do servizo ante a falta de persoal.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario