Reactívase a folga dos traballadores de residuos urbanos en Carballo

por Óscar de Souto

Dende as 22:30 horas de este xoves día 20 e ata o venres as 15:00 hora está prevista esta folga en protesta por salarios baixos e por unha sanción imposta a un delegado dos traballadores. Esta folga coincide co San Xoán de Carballo, a meirande festividade que ten o Concello de Carballo.

A UTE Carballo Urbaser (que presta o servizo de recollida de lixo e residuos sólidos de Carballo) sancionou o delegado de persoal da CIG cunha suspensión de 21 días de emprego e soldo, xusto despois de facer unha reclamación para que a empresa cumprira coa lei e procedera a regularizar os salarios dos traballadores e traballadoras con respecto ao SMI, xa que a día de hoxe a maioría do cadro de persoal segue percibindo retribucións por debaixo do salario mínimo interprofesional.

O responsábel da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, tamén critica o proceder de Urbaser á hora de afrontar a negociación colectiva, xa que a sanción se produce no marco da negociación do convenio colectivo, sendo o delegado parte da mesa de negociación, polo que para a CIG «estamos ante unha clara actuación represiva contra o representante legal dos traballadores/as».

A empresa -unha UTE conformada polas compañías Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL- ten a concesión da recollida do lixo, a xestión da canceira e o punto limpo, e conta con arredor de 20 traballadores e traballadoras.

Foto arquivo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario