A primeira semana de xullo Atlántica vaise desenvolver en 25 concellos de toda Galicia e consolídase en Portugal con 5 sedes. Máis de 90 funcións de 45 propostas escénicas diferentes desenvolvidas por 50 artistas procedentes de Brasil, Xapón, Portugal, Italia, Cuba, Salamanca, Zamora e Galicia
O Festival Atlántica vén de presentar este xoves, 13 de xuño, o programa completo da súa duodécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 7 de xullo. Na rolda de prensa participaron Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento Evelyne López Mussons, coordinadora de Atlántica en Portugal, e numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.
Míriam Louzao comezou a presentación poñendo o acento sobre a capacidade de Atlántica para «facer transcender os contos do ámbito infantil programando actividades diversas para todos os públicos» en numerosos puntos de Santiago, comparándoos con «portos nos que recalará esta marabillosa travesía». Pola súa banda, Natividade González gabou o labor do festival «na conservación do patrimonio inmaterial» e a súa habilidade para logralo «con actividades que non só ofrecen entretemento, senón tamén espazos para a reflexión e a aprendizaxe».
Na súa intervención Felloza subliñou as cifras que avalan o éxito de Atlántica: unha semana de actividade con máis de 90 funcións gratuítas de 45 propostas diferentes desenvolvidas polos 50 artistas que actúan nas 30 sedes espalladas por Galicia e Portugal. Neste sentido, a directora do festival salientou «a ledicia e o esforzo que supón a consolidación de Atlántica como un evento transfronteirizo coa programación en cinco aldeas da Serra do Xerés», que fai deste encontro «un dos poucos eventos das artes escénicas da Península que programa ao longo de sete días a unha beira e outra da raia».
Como en edicións previas, Atlántica vai chegar ás grandes cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol, mais tamén a concellos de tamaño medio como Ribeira, Vilalba, Caldas de Reis, Betanzos ou Teo, e a concellos do rural como Pazos de Borbén, Dodro ou Alfoz, (Cuntis e Outes) entre outros. Unha capilaridade que se espalla polo territorio grazas á complicidade de múltiples axentes institucionais e da sociedade civil e que fai de Atlántica un ente cultural flexible, que se dá adaptado a públicos e espazos diversos. Un exemplo paradigmático deste comportamento é a descentralización do programa en Santiago, sede principal de Atlántica, onde as funcións urbanas conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello.
Escaparate das múltiples oralidades
Mais Atlántica 2024 non esquece a súa función reivindicadora da narración oral como disciplina artística, ben sexa coa programación de propostas de La Chana Teatro como a montaxe Pisando el llano, espectáculo inaugural, ou a singular Blancanieves, na que todas as personaxes son lámpadas, peza multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil e xuvenil.
Haberá tamén espazo para as estreas Contar para vivilo, de Cándido Pazó, Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco, Contos, cantos e outros tantos, da portuguesa Ana Sofía Paiva e as Lendas suburbanas de Quico Cadaval. E seguirá a aposta polos contos de terras afastadas e bañadas por outros mares, como as historias de fino humor de Yoshi Hioki e tamén pola potencia narrativa da terra e da que é bo exemplo o Premio Nacional Paula Carballeira.
Atlántica volverá transitar pola senda da narración oral como disciplina híbrida, facendo fincapé na boa maridaxe entre contos e música. Unha mestura que está a dar moi bos resultados entre o público infantil —2004-2024-Grandes éxitos de Caxoto ou Son animal de Paco Nogueira—, pero tamén co público adulto, como demostrará Su Garrido Pombo ao clausurar o festival con Patio de luces.
Contar o territorio
Non podía faltar nesta edición un dos formatos que acompaña a Atlántica dende o primeiro ano: os roteiros narrados. A colaboración con axentes locais expertos permite amosar o poder das historias como xeito de transmitir e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial. Este ano haberá en Santiago unha ruta en bicicleta polos castros da bisbarra e mais un percorrido polo petróglifos da Devesa da Rula e polo románico do rural. Reivindicarase tamén o legado da Igrexa de Vilar de Donas da man de Carola Casal e Carme Varela con 800 anos das Giocondas galegas, Guillermo Llorca guiará pola escultura urbana de Ferrol e José María Eguileta paseará pola evolución urbana de Ourense, por citar algunhas das doce actividades programadas.
Fiel á súa filosofía, Atlántica segue a amosar a súa faceta integradora: mantén o seu compromiso coas persoas con discapacidade auditiva programando funcións con interpretación en lingua de signos, regresará á aula de pediatría do CHUS e, como novidade desta edición, desenvolverá unha experiencia particular «silandeira» con colectivos con TEA e TDH.
Sementando novos espectadores
Aínda que a maior parte do programa se vai desenvolver en xullo, o Festival Atlántica Miúdo volve ollar cara aos máis pequechos na recta final do curso escolar. Xa que logo, entre o 14 e o 22 de xuño haberá un programa especial concibido para o público infantil de centros de ensino de Santiago, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións na Biblioteca Ánxel Casal e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Alén diso, entre o 1 e o 7 de xullo, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.