O vicepresidente, Xosé Regueira, foi o encargado de recoller o galardón, destacando «a cooperación e colaboración entre administracións e de toda a cadea de valor para facer do turismo un sector competitivo, de calidade e sostible»
A campaña turística e gastronómica da Deputación da Coruña, ‘A provincia que sabe’, resultou gañadora dun dos Premios Gente Viajera de Galicia, organizados por Onda Cero. Fíxoo na categoría de ‘mellor promoción turística’, grazas a «ter en conta as necesidades tanto dos visitantes como da poboación local», tal e como destacou o xurado, que tamén puxo en valor a «promoción da innovación nos procesos turísticos» da entidade provincial a través desta iniciativa.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, subiu ao escenario a recoller o galardón, que lle entregou Carles Lamelo, director do programa ‘Gente Viajera’. Durante a súa intervención, Regueira salientou «o elevadísimo nivel do sector agroalimentario e turístico», protagonista da campaña, que ademais «xera riqueza e oportunidades no territorio». «Un sector», engadiu, «que está sendo recoñecido mundialmente grazas ao seu bo facer, e que nós podemos constatar en cada feira internacional na que nos acompañan».
Ademais, Regueira referiuse ao traballo de «cooperación e colaboración para facer do turismo un sector competitivo, de calidade e sostible», e que reforza a súa «aposta polo territorio e polo país, dende o orgullo e o máximo respecto á contorna».
Entre os demais premiados atópase tamén a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo na categoría de ‘innovación turística e sostibilidade’. Un proxecto que conta co apoio da Deputación, e que «é sinónimo de «compromiso co territorio, profesionalidade e calidade», tal e como afirmou o vicepresidente durante a súa intervención.