O alumnado que xa superou a ABAU deberá realizar a preinscrición desde o próximo día 19 de xuño ata o 1 de xullo
A Universidade da Coruña ofrecerá o vindeiro curso un total de 3.285 prazas de grao para o novo alumnado, unha oferta, pendente de ratificar definitivamente pola Conferencia Xeral de Política Universitaria, pero que serve de base para o proceso de prematrícula.
A oferta académica da UDC, cun total de 54 graos, abrangue títulos de todas as áreas de coñecemento. A UDC vén realizando desde hai varios anos un proceso de actualización e incorporación de novas titulacións para facelas máis atractivas e próximas ás necesidades do mercado laboral. Froito deste proceso a UDC ofrece dous graos bilingües en inglés, Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais; oito graos coa opción de cursar diversas materias en inglés, ADE, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Arquitectura, Dereito, Química e Economía; un grao con formación dual, Enxeñaría Eléctrica, coa realización dun curso nunha empresa; un grao online, Turismo; dous graos abertos, Enxeñaría Industrial e Ciencias Sociais e Xurídicas, nos que o alumnado ten o primeiro curso materias de diversas titulacións para o segundo ano elixir seguir coa carreira que máis lle guste. Ademais, a UDC ofrece sete dobres graos e catro dobres graos con universidades estranxeiras de referencia, ADE, Dereito, Enxeñaría Informática e Inglés.
O listado completo de cada grao coas súas prazas pode consultarse xa na web da Comisión Interuniversitaria de Galicia.
Prazos de matrícula
O alumnado que xa superou a ABAU deberá realizar a preinscrición entre o próximo día 19 de xuño e 1 de xullo, mentres que para o estudantado de convocatoria extraordinaria o período será do 17 ao 22 de xullo.
A UDC conta cunha determinada reserva de prazas para os seguintes colectivos: para titulados universitarios, para persoas con discapacidade, deportistas de alto nivel (nos graos de Fisioterapia de Ciencias da Actividade Física e do Deporte), e, no caso de deportistas de alto nivel e rendemento, persoas adestradoras e técnicas, xuíces e xuízas e árbitros e árbitras galegos de alto nivel, en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Homenaxe aos mellores expedientes ABAU 2024
O próximo 21 de xuño, a Universidade da Coruña será anfitrioa por primeira vez do acto celebrado polas tres universidades públicas galegas para homenaxear ao alumnado que acadou unha cualificación de 9 ou superior nas probas de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU).
Este acto de carácter festivo, que terá lugar no Coliseum da Coruña, ten como finalidade recoñecer ao estudantado e aos seus centros educativos polo excelente resultado conseguido nas probas. Así, os convidados serán os máis de 1.000 estudantes de 230 centros galegos que acadaron a excelencia nas últimas ABAU. Dito acto contará coa presenza de diferentes autoridades, que se sumará á dos tres reitores do Sistema Universitario de Galicia.