José Tomé Roca: “A Alta Velocidade chegará a Lugo no 2025 coa construción da Intermodal”

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres xunto ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, as obras para a construción da nova estación ferroviaria de Lugo e nas que o Goberno de España inviste un total de 22,3M€. O mandatario provincial valorou positivamente o anuncio que fixo o Ministro de que os traballos da Intermodal estarán rematados en 2025 e sinalou que esta actuación transformará a mobilidade en Lugo.

“A Alta Velocidade chegará a Lugo no 2025”, subliñou Tomé Roca, quen sinalou ademais que na liña que conecta a provincia con Ourense poderanse acadar velocidades máximas de 250 quilómetros hora, o que permitirá conectar as cidades de Lugo e Ourense en menos de 45 minutos. “Esta actuación marcará, sen dúbida, un antes e un despois no transporte de viaxeiros”, apuntou e destacou tamén que o edificio vaia servir para conectar o barrio do Sagrado Corazón co centro urbano grazas ao paso inferior peonil deseñado no proxecto.

Os traballos, que comezaron en marzo deste ano, consistirán na construción do edificio e dun paso inferior cara as plataformas e para uso libre, a urbanización e o viario da contorna. Tal e como explicou o Ministro, a nova estación permitirá ademais a intermodalidade tren-bus mediante unha pasarela peonil de case 10 metros de ancho, creando baixo ela un novo espazo de ocio para a cidadanía.

Detallou Óscar Puente que a nova estación ferroviaria contará cun paso inferior que será de dobre uso, unha parte de acceso exclusivo para viaxeiros e outra para a cidadanía, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano da cidade e o parque do Sagrado Corazón. No que ten que ver coa urbanización, estará dotada cun carril bici e rampas integradas nun entorno verde.

Na visita a estas obras da Intermodal de Lugo participaron ademais os deputados provinciais Pablo Rivera Capón e Pilar García Porto; a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e o Director Xeral de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva; entre outras autoridades.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario