O BNG convoca unha concentración para rexeitar o peche do consultorio de Castro de Rei durante o verán

por Redacción Lugo

O Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei convoca á veciñanza a unha concentración este domingo 16 de xuño ás 12:30 horas diante do consultorio de Castro de Rei para mostrar o seu rexeitamento polo peche do consultorio nos meses de verán.

Esta convocatoria vén dada pola preocupación da veciñanza dado que este consultorio vai estar pechado dende o 15 de xuño ao 15 de setembro. «compartimos a preocupación da veciñanza pois a experiencia demóstranos que o PP leva anos minguando a sanidade pública en Castro de Rei,» manifestou Olga García, concelleira do BNG en Castro de Rei. «Continuaremos coa defensa dos dereitos sanitarios da veciñanza pois é indecente que dende a Xunta de Galiza co goberno municipal como cómplice pechen este consultorio dándolles igual os desprazamentos e a calidade asistencial da veciñanza, é unha situación indignante»

Neste senso a concelleira subliñou «animo a participar este domingo na concentración, onde veciñas e veciños reclamaremos xuntos que se garantan os servizos sanitarios, non podemos dar un paso atrás na defensa da sanidade pública» e incidiu «o BNG vai seguir na defensa dos dereitos da veciñanza»

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario