O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que planifique as liñas de transporte escolar para evitar os problemas deste curso

por Redacción Galicia

Julio Abalde lembra que a propia Valedora alertou de demoras de 8 a 11 meses nas respostas da Xunta, o que fai imposible resolver o problema no mesmo curso

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, esixiulle á Xunta que mellore a planificación do servizo de transporte escolar para evitar que o próximo curso repita o aluvión de incidencias rexistradas este ano. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación para reclamarlle á Consellería de Presidencia, que agora aglutina as competencias en materia de transporte, que atenda aos problemas, os corrixa e comunique no momento.

O responsable socialista lembrou que os problemas rexistrados no curso que agora termina tiveron unha importante repercusión na comunidade educativa, da que se ten feito eco ata a Valedora do Pobo, quen alertou da falla de rapidez da Xunta para corrixir estas situacións. A Alta Comisionada, explicou, alertou de demoras de 8 a 11 meses nas repostas da Xunta, o que de facto supón que os desaxustes non foran resoltos no mesmo curso.

Reclamoulle ao goberno galego que tome nota da situación deste ano, con desaxuste de horarios, cambios de vehículos cos correspondentes retrasos, nenos e nenas tirados nas paradas, vehículos inadecuados, sen medidas de seguridade e mesmo que non cabían polas corredoiras polas que tiñan que circular. Criticou que o goberno galego limite os problemas a cuestións “puntuais” cando en realidade algúns destes casos son “estruturais”.

Advertiu que por moito que un solo problema sexa “insignificante” a nivel macro, o nivel do desbaraxuste deste curso contradí a versión do goberno galego, e engadiu que “cando unha familia ten que mandar a un pequeno ou pequena a desprazarse camiñando 2 quilómetros para chegar e ver que o bus non está, para esas persoas o problema é do cen por cen”.

Reclamoulle á directora xeral de Mobilidade que tomen as medidas necesarias para que o próximo curso comece sen os problemas deste que agora remata, e que sexan “un pouco máis proclives a comunicarlle aos cidadáns como están a facer”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario