O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que poña en marcha mecanismos para reducir as listas de espera na sanidade

por Redacción Galicia

O Grupo Socialista no Parlamento galego esíxelle á Xunta que poña en marcha mecanismos e instrumentos concretos para reducir os tempos de agarda na sanidade. A deputada Elena Espinosa defenderá na Cámara unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a rebaixar as esperas nas consultas e cirurxías “marcándose un obxectivo medible”, que ofreza total transparencia.

A viceportavoz socialista e voceira de Sanidade afirma que as listas de espera non reflicten a realidade do que supón a situación para os pacientes, mais si plasman a ineficiencia do sistema e unha saturación crecente dos servizos. “Isto tampouco nos pode estrañar, cando coñecemos que Galicia se sitúa á cola en gasto per capita en sanidade, xunto con educación e políticas sociais”, lembra na iniciativa.

Espinosa critica que o conselleiro atribuíra recentemente unha “importancia relativa” ás listas de espera, xa que, sostén, “os tempos en sanidade son importantes” e os afectados ven como as súas doenzas se agravan mentres agardan para ser atendidos. Iso xera, ademais, “malestar, angustia e inseguridade”, lembra.

“Nin existe planificación nin xestión”, reprocha a deputada do PSdeG, que sinala a incapacidade da Xunta para dar resposta á falta de persoal sanitario que se repite en practicamente toda Galicia. Esta situación “vai ser moito peor no verán”, avanza, porque os mir non completarán a súa formación ata setembro.

Elena Espinosa explica que hai catro anos, cando lles tocaba comezar o seu período como médicos internos residentes, a chegada da pandemia obrigou a aprazar ata setembro o inicio da súa formación. Ese é o motivo polo que non poderán cubrir o verán como médicos. “Sabíase dende hai catro anos. Non é unha novidade. A Xunta coñecía o que ía pasar”, remarca.

“Que fixeron outras comunidades, incluso algunhas delas gobernadas polo PP? Unha planificación correcta. Os problemas que temos aquí en Asturias son inexistentes porque fixeron os deberes e se adiantaron a esta situación”, contrasta Espinosa, que cualifica de “incompetencia total” a falta de initiativa da consellería, que se resume nunha “falta de previsión, falta de programación e falta de responsabilidade”.

“A Xunta pensa que todo se pode arreglar culpando ao Goberno de España”, critica a viceportavoz. “É unha gran especialista en botar balóns fóra, pero ten as competencias en materia sanitaria. Cando imos a un hospital, nos carteis pon ‘Xunta de Galicia’, non pon ‘Goberno de España’”, apunta.

O Executivo de Rueda está a pedir que os mir que rematan o seu período de residencia en setembro poidan traballar antes, dende que a consellería o decida, “e o Goberno di que poden facelo sempre que teñan por enriba a alguén que supervise o seu traballo”, explica Espinosa. Defende, ao tempo, que os Mir “teñen todo o dereito a completar o seu período formativo e a facelo baixo a supervisión de profesionais con experiencia, do mesmo xeito que os seus compañeiros do ano pasado ou do anterior”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario