Rueda enxalza o labor das 700 concelleiras e 28 alcaldesas do PPdeG

por Redacción Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o labor das 700 concelleiras e 28 alcaldesas do partido en Galicia asegurando que, co seu traballo diario, representan “o feminismo transformador que constrúe unha sociedade cada vez máis xusta, equitativa, solidaria e diversa”.

Nun acto celebrado hoxe en Santiago de Compostela e que reuniu a alcaldesas e concelleiras do partido, o líder dos populares galegos quixo poñer en valor que unha de cada dúas concelleiras galegas son do PPdeG, que é ademais o partido con máis alcaldesas de Galicia. “Sodes mulleres, pero sobre todo sodes persoas con vocación de servizo público que, desde o goberno ou desde a oposición, dedicades a vosa vida a mellorar a vida dos galegos”, asegurou dirixíndose ás presentes.

Esta é, para Rueda, a clave do “feminismo transformador” que impulsa o seu partido e que “serve de verdade” para “cambiar a sociedade desde dentro”, demostrando que é posible facer as cousas ben se se fan con convicción e valentía. Por iso pediu a todas as concelleiras e alcaldesas que sigan sendo “un referente” e que practiquen o feminismo “sen etiquetas e sen clichés, con convencemento e con eficacia”.

“Demostremos que cremos na igualdade de verdade. Non nun concepto baleiro que algúns intentan manosear sen levalo a ningunha parte. A igualdade ten que ser un obxectivo que se acade con esforzo, con traballo diario e con políticas reais, concretas e útiles”, subliñou ao tempo que manifestaba que nin el nin o seu partido van recibir leccións sobre igualdade de ninguén.

Citou así algúns dos moitos avances conseguidos ao longo destes anos, como o feito de que hoxe en Galicia haxa máis de 540.000 mulleres traballando (case 60.000 máis que en 2009), que a nosa Comunidade fose pioneira na aprobación da Lei de Igualdade de Galicia que “blinda os dereitos das mulleres en todos os ámbitos da sociedade” ou que nunca antes como este ano se destinase tanto orzamento –935 millóns de euros– ao Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2022-2027 .

“O orzamento do Goberno galego na área de Igualdade non serviría de nada se detrás non houbese convencemento, ganas de facer as cousas ben e eficacia na implantación de medidas. Pero, aínda así, debemos reivindicar que destinamos 180,5 millóns de euros á igualdade, a loita contra violencia de xénero e a conciliación”, remarcou insistindo en que “estas son as realidades fronte aos que falan pero fan moi pouco”.

Lonxe do conformismo, o presidente Rueda afirmou ter claro que “aínda queda camiño por percorrer” e por iso anunciou que nesta nova lexislatura se aprobará unha estratexia para o impulso do emprego feminino de alto valor engadido, fomentarase a flexibilidade laboral con medidas que afonden na conciliación familiar e continuarase apoiando ás vítimas de violencia de xénero con políticas de educación e concienciación.

“Imos seguir traballando como fixemos ata o de agora, crendo na política útil e real e demostrando que Galicia é feminista porque ten mulleres, como as concelleiras e alcaldesas do PPdeG, que nos fan todos os días sentir orgullosos”, concluíu.

CONSEGUÍMOLO XUNTAS

Logo da inauguración do acto por parte do presidente Alfonso Rueda, as asistentes recibiron unha formación en oratoria e puxeron experiencias en común nunha mesa redonda que estivo moderada pola portavoz do PP de Lugo, Elena Candia.

Co título ‘Conseguímolo Xuntas’, nela participaron María del Carmen Pieltain (concelleira en Ferrol), María Ángeles Rodríguez Rico (concelleira en Mondoñedo), Elvira Torres González (concelleira no Carballiño), e Teresa Veloso Castaño (concelleira no Porriño).

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, foi a encargada de clausurar este acto co que os populares galegos quixeron celebrar os seus éxitos electorais reivindicando a contribución das agrupacións locais da man das súas alcaldesas e concelleiras en toda Galicia.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario