Este parque proxectábase en Vila de Cruces e Lalín, nunha zona de máxima sensibilidade ambiental
ADEGA vén de recibir Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polo que estes acolle a pretensión da organización ecoloxista de suspender cautelarmente a autorización do proxecto eólico Rodeira, promovido por Green Capital Power S.L. nos concellos de Vila de Cruces e Lalín. A resolución do Auto xudicial deixa así temporalmente sen efecto a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 24 de abril de 2023, mentres non haxa sentenza relativa ao recurso contecioso-administrativo interposto por ADEGA contra este megaproxecto.
O alto tribunal galego sostén a súa decisión en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA que achegan indicios de que os danos que este proxecto exercería no medio ambiente poderían ser irreparábeis. A asociación ecoloxista galega achegou ao tribunal proba de que a meirande parte das infraestruturas de «Rodeira» estarían proxectadas nunha zona de máxima sensibilidade ambiental e moi próxima a diversos núcleos de poboación e afectarían de forma singular a especies de avifauna e outras catalogadas. Así pois, segundo se indica no Auto de suspensión: «a mera posibilidade de que se produza un dano irreparábel ou de difícil ou incerta reparación – aínda adoptando medidas correctoras sobre as zona protexidas-, ao ser prevalente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos, sobre o particcular que ten a promotora do parque eólico en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito».
Advirte o TSXG que as medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias non implican que se neutralice o risco que se trata de evitar coa medida cautelar se existen espazos de especial protección ou especies vexetais ou animais en especial risco de desaparición, como é o caso. Así pois, en aplicación do periculum in mora, apela ao principio de precaución do dereito comunitario e resolve suspender cautelarmente a executividade da autorización do proxecto.
Afeccións á Rede Natura e á avifauna protexida
O proxecto eólico Rodeira autorizado pola Xunta prevía a instalación de dous aeroxeradores cunha potencia total de 12,6 MW e 240 metros de altura. Este polígono exercería unha influencia negativa sobre o espazo natural protexido como Rede Natura 2000 «Sistema Fluvial Ulla», sobre o patrimonio cultural da zona -BIC Mosteiro de Carboeiro, o Santuario do Corpiño- ou sobre o Observatorio astronómico de Vila de Cruces.
Desde ADEGA tamén se considera incompatible este polígono eólico coa supervivencia da aves e morcegos que están en estado de vulnerabilidade (Circus pygargus, Circus cyaneus, Rhinolophus ferrumequinum, Myotis myotis) e en perigo de extinción, como o millafre real (Milvus milvus).
Rodeira, xunto cos parques eólicos Cunca e Mesada, tería sido resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental.
Agradecementos
ADEGA parabeniza á plataforma de afectados e afectadas polos eólicos de Vila de Cruces, así como a outros colectivos e persoas que contribuíron á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodeira) que permitiu que ADEGA puidese interpoñer no TSXG un recurso contencioso-administrativo contra a autorización deste proxecto eólico e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.