Os Bolechas visitan o concello de Teo no seu novo libro

por Redacción Galicia

“Os Bolechas visitan Teo” é o nome da nova lectura que percorre os lugares máis emblemáticos das trece parroquias do municipio

Arredor de 450 escolares de tres centros de ensino asistiron esta mañá á presentación do novo libro titulado “Os Bolechas visitan Teo”. O primeiro acto celebrado no CEIP A Igrexa-Calo contou coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, ademais dos mestres e resto de autoridades municipais. Posteriormente, a alcaldesa e os Bolechas visitaron o CEIP A Ramallosa e o CEIP Os Tilos.

Nesta lectura, os Bolechas gozan dunha xornada de observación astronómica mentres percorren as 13 parroquias do municipio de Teo nas que aparecen representados os seus principais puntos de interese. A través das súas aventuras, o obxectivo é conseguir que as novas xeracións se familiaricen e identifiquen co patrimonio material e inmaterial que atesoura o concello, fomentando a interese da cativada na historia, tradición e espazos naturais de Teo.

Ademais de ser un dos puntos que atravesa o Camiño Portugués, o municipio conta con outros espazos naturais que aparecen no libro, como a área recreativa do Xirimbao, a Burga de Xermeade, o carballo centenario ou os petróglifos de Cornide, uns valiosos xacementos arqueolóxicos. Ademais, os Bolechas tamén visitan algunhas mostras de patrimonio relixioso e etnográfico, parques, miradoiros, espazos de ocio e lecer e, por suposto, o Monumento á Nai, escultura do artista teense Manuel Mallo.

A iniciativa tamén se acompaña dun caderno de actividades relacionadas co municipio para que a cativada poida reforzar os contidos aprendidos no libro. Trátase dun material adaptado á súa idade para dar a coñecer o concello de Teo dunha forma lúdica, pedagóxica e didáctica co fin de as nenas e os nenos aprendan algo máis do concello no que viven, estudan e se relacionan.

Os Bolechas para aprender e divertirse

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 700 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario