Baixo o lema ‘Pídeche Galicia’, vén de actualizar a mensaxe para a temporada estival da campaña publicitaria deste ano 2024 que se reanuda desde hoxe nos medios
A Xunta de Galicia vén lanzar a actualización da campaña de promoción do destino que se pode ver desde hoxe en distintos soportes audiovisuais e gráficos e que actualiza a mensaxe para a temporada estival baixo o lema ‘Pídeche Galicia’. Nela se presenta o destino como un lugar sostible, con importantes recursos naturais e culturais e perfecto para desconectar e chegará as mercados nacionais e tamén internacionals que están sendo especialmente estratéxicos para Galicia como EEUU, Gran Bretaña, Portugal, Francia, Italia ou Alemaña.
A campaña deste ano representa distintas situacións do día a día e, despois de ter como protagonistas unha oficina e un sofá nos meses anteriores, este verán a protagonista é unha cama que aparece descontextualizada no medio dun espazo natural. Quérese plasmar deste xeito que os protagonistas teñen na cabeza unha vía de escape e desconexión en Galicia mentres están a realizar algunha tarefa cotiá. Conta, ademais, cunha orixinal banda sonora composta para a propia campaña que mestura galego e inglés con aires de hip-hop urbano.
No ámbito nacional, a campaña de Turismo de Galicia actuará na Comunidade galega para estimular o turismo interno e tamén no conxunto de España con especial incidencia en zonas estratéxicas como Madrid, País Vasco, Asturias e Castela León. En termos de audiencia estímase que chegue a máis da metade da poboación española, que terá ocasión de ver os anuncios un promedio de tres veces. Nas comunidades limítrofes a Galicia ou de interese estratéxico a porcentaxe ascenderá ao 80% da súa poboación, que poderá ver os anuncios un promedio de seis veces.
Tamén internacional
Ademais destas insercións nacionais, a campaña terá tamén importante presenza internacional no eido dixital, a través de banners publicitarios e anuncios en medios de información, redes sociais e axencias de turismo en liña na procura de que a campaña teña un impacto directo no incremento do número de turistas que visitan a nosa comunidade. A intención é seguir afondando en mercados que están a ser especialmente estratéxicos para Galicia, tendo moi en conta que o internacional supón xa o 30% do turismo que chega á Comunidade e está a rexistrar importantes incrementos.
Traballarase, polo tanto, en mercados como EEUU e mercados europeos como Gran Bretaña, Portugal, Francia, Italia ou Alemaña.
Turismo de Galicia continúa así dando un pulo á mercadotecnia turística coa intención de afondar na consolidación do destino Galicia de xeito global, reforzando as accións dun turismo sostible, diversificado e desestacionalizado nos distintos momentos do ano. A adxudicación realizouse mediante procedemento aberto e están previstas varias oleadas durante o ano.