A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, recibiu esta mañá en Compostela a unha delegación de veciñas e veciños da contorna de Coeses, acompañados polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, que se desprazaron ao Parlamento para compartir co Grupo Parlamentar do BNG as súas reclamacións ante o proxecto de fábrica de Metano ubicada en Coeses, que se atopa en fase de exposición pública.
O BNG rexistrou iniciativas no Parlamento Galego, e presentará unha serie de iniciativas noutras institucións onde ten representación, amosando a problemática trasladada polas veciñas e veciños «ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana».
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.