O presidente recibiu, en nome da Xunta, o premio ‘Impulso Dixital de Galicia’ outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en informática
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Executivo autonómico por seguir consolidando a Galicia como unha comunidade pioneira na integración da intelixencia artificial na administración para facela máis eficiente e útil para os cidadáns.
Así llo trasladou aos representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que lle fixeron entrega do premio Impulso Dixital de Galicia, que outorgan á Xunta polas súas iniciativas nesta materia.
O CPEIG recoñece con este galardón a importancia dos dous órganos creados pola Xunta para impulsar de forma fiable e humanista a intelixencia artificial nos seus servizos: a Comisión de expertos para o desenvolvemento e uso ético da IA; e o Consello técnico asesor en IA e espazo de datos do sistema público de saúde.
A posta en marcha destes dous órganos inscríbese nunha aposta global da Xunta por converter a Galicia en líder nesta tecnoloxía. Así, esta foi unha das tres primeiras comunidades autónomas en dispoñer dunha estratexia propia de intelixencia artificial; foi designada -concretamente A Coruña- como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial; e nas próximas semanas está prevista a aprobación en Consello da Lei para o desenvolvemento e impulso da IA, que constitúe a primeira proposta europea de lexislación rexional nesta materia.