Gueimunde: “A alcaldesa e a tenente de alcaldesa votaron fai 2 meses en contra de solicitar axudas á Xunta para rehabilitar edificios municipais para alugueiro social”

por Redacción Lugo

A portavoz do PP censura que «tanto a señora Loureiro coma a señora Bermúdez traten de enganar aos viveirenses» ao anunciar algo que o propio IGVS desminte: «tarxiversan a información» polo que «non poden representar ao Concello de Viveiro

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Mariña Gueimunde, lembra que “tanto PSOE como BNG votaron en contra dunha proposta do PP para pedir unha subvención para rehabilitar edificios e vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social” que permitiría ao Concello rehabilitar a Casa de los Maestros. É dicir, “fai 2 meses votaron en contra do que agora pretenden anunciar”.

A proposta dos concelleiros populares saía rexeitada no pleno do 10 de abril deste mesmo ano “cos votos en contra de PSOE e BNG e o voto de calidade da alcaldesa para desempatar” entre os 7 votos a favor -os do PP- e os 7 do equipo de goberno -PSOE e BNG-, xa que X Viveiro se abstivo.

Gueimunde censura que, “ademais desta contradición que reflicte claramente a falta de proxecto claro para Viveiro”, tanto a alcaldesa, a señora Loureiro, coma a tenente de alcaldesa, a señora Bermúdez, “traten de enganar aos viveirenses” tendo en conta que “o propio Instituto Galego de Vivenda e Solo as corrixe para aclarar a información e as conclusións ás que chegaron na reunión”: que a Xunta dispón de liñas de axudas dirixidas aos Concellos para rehabilitar vivendas de titularidade municipal – como é o caso da Casa de los Maestros- para dirixir a alugueiro social.

A popular cre que “están demostrando que non poden representar ao Concello” porque “tarxiversan a información. Non son capaces de trasladar as conclusións dunha reunión institucional”, sentencia.

MOCIÓN DEBATIDA NO MES DE ABRIL

Os populares subliñaban a “singularidade”, a ubicación “estratéxica” da Casa de los Maestros e o seu uso “de carácter social” que “merece toda a nosa atención”. Nese sentido, apostan pola súa “rehabilitación e posta en valor” advertindo do “estado lamentable” no que se atopa este inmoble.

Así, defendían no pleno da Corporación municipal no mes de abril “dada a relevancia e a contía da subvención” unha proposta para que o Concello solicitase en tempo e forma a subvención para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social.

A través deste procedemento o Concello podería verse beneficiado dunha axuda da Xunta que pode alcanzar ata os 50.000 euros por vivenda rehabilitada a través dunha liña convocada polo IGVS para prestar apoio aos Concellos de menos de 20.000 habitantes.

A proposta dos populares coincidía co prazo aberto para solicitar esta axuda na convocatoria deste ano 2024  -dende o 15 de marzo ao 3 de xuño-. “O prazo pechou fai dúas semanas e o Concello de Viveiro perdeu a oportunidade de telas solicitado xa nesta convocatoria”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario