A alcaldesa e a directora territorial da entidade asinan un convenio por importe de 50.000 euros para o veterano proxecto de inclusión
A alcaldesa, Inés Rey, e a directora territorial da Fundación Secretariado Xitano, Eva Vera Ledo, asinaron no palacio de María Pita a renovación do convenio nominativo que a entidade mantén co Concello para financiar as actividades do programa de inclusión e acceso ao emprego «Acceder». O importe do convenio é de 50.000 euros. Rey lembrou que «Acceder» «é un dos proxectos máis veteranos da entidade que loita pola integración da poboación xitana através da formación e o emprego, en especial das mulleres e das mozas».
Tátase dun programa pioneiro no seu día que supuxo un cambio no enfoque do traballo social coa poboación xitana ao expor o acceso ao emprego como o medio para mellorar as súas condicións de vida. O programa «Acceder» empezou como un proxecto experimental nun barrio de Madrid en 1998 e en pouco tempo, a partir do ano 2000, foise estendendo ata 14 Comunidades Autónomas, grazas ao financiamento do Fondo Social Europeo e ao necesario cofinanciamento de diferentes administracións públicas, o Concello da Coruña entre elas.
Neste ano 2024, o Concello mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.