Ademais da renovación do pavimento e da mellora da accesibilidade, crearase unha nova zona de xogos infantís
O Concello da Coruña, unha vez finalizado o curso escolar, comeza esta semana os traballos de remodelación da praza Pintor Laxeiro, no barrio da Segunda Fase de Elviña. O Goberno de Inés Rey prosegue coa mellora dos espazos públicos dos barrios con esta actuación, nun lugar que linda co CEIP Salgado Torres.
As obras consistirán na mellora xeral do pavimento e da accesibilidade na propia praza. Os traballos teñen un prazo de execución de seis meses e implicarán un investimento de máis de 400.000 euros, financiados a través dos fondos europeos Next Generation.
As obras abranguen a renovación do firme, a ampliación das beirarrúas, a delimitación das áreas de estacionamento e a substitución das redes de saneamento e as de iluminación pública, co obxectivo de facelas máis eficientes. Ademais, e como complemento a estes traballos, está prevista a ampliación das áreas verdes existentes na contorna, así como a disposición dunha nova zona de xogos infantís lindeira ao acceso peonil ao CEIP Salgado Torres, aproveitando os espazos públicos anexos ao propio centro educativo. A reforma da praza foi consensuada cos veciños para recoller tamén as súas demandas.
Deste xeito, o Goberno de Inés Rey renovará de maneira integral toda a infraestrutura pública deste espazo, potenciando as súas zonas verdes e creando novos espazos de calidade e mais seguros, seguindo o modelo que xa se ten posto en marcha para mellorar os accesos de outros centros de ensino públicos da cidade.