Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coas directivas dos centros do Campus Terra, que reclaman o amaño da Avenida Filarmónica Lucense

«Temos constatado a necesidade desta actuación encaixando á perfección co traballo realizado ata agora polo Concello de Lugo», explicou Rubén Arroxo

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con representantes das directivas das escolas de Relacións Laborais e Enfermaría e da Facultade de Humanidades, que trasladaron ao Concello unha solicitude reclamando o amaño da Avenida Filarmónica Lucense e a solución de distintas eivas neste vial para garantir a seguridade da veciñanza. Penas trasladou o seu apoio á reclamación da comunidade universitaria, e afirmou que «traballaremos para coordinar os traballos coa á área de Vías e Obras da Deputación de Lugo e poder realizar as intervencións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria o antes posible».

Entre as solicitudes que recibiu o Goberno de Lugo por parte da comunidade universitaria, destaca a mellora da seguridade peonil na Avenida Filarmónica Lucense, solicitando elementos de calmado de tráfico e a renovación da sinalización horizontal. «Isto vai na liña do traballo que realizamos desde a Área de Mobilidade en distintos puntos da cidade, dentro do plan de calmado de tráfico que levamos executando varios anos». A área de Mobilidade valora necesaria tamén a a creación dun novo paso de peóns elevado nas proximidades da unión desta rúa coa avenida Alfonso X para crear un itinerario máis seguro e accesible na unión co paso elevado da N-VI.

Tanto a Avenida Filarmónica Lucense como a rúa Benigno Ledo son viais dependentes da Deputación de Lugo, polo que se fai necesaria a colaboración entre ambas administracións para que os traballos realizados pola Deputación «sigan a liña do xa feito desde o Concello avanzando na Mobilidade cun tráfico calmado e segura para os peóns e os diversos medios de transporte»,  explicou Alexandre Penas, que engadiu «seguiremos traballando na colaboración institucional para que a Deputación teña en conta esta solicitude e planifique un traballo moi necesario para esta zona da cidade».

Comparte éste artículo
No hay comentarios