Polas súas medidas para impulsar o emprego e revitalizar o rural
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento o recoñecemento da Unión Europea a Galicia co premio Rexión Emprendedora Europea 2025, que valora as medidas que desenvolve a Xunta para impulsar o emprego e revitalizar o rural na comunidade galega.
Nesta liña, Pablo Fernández referiuse á estratexia que está a deseñar o Goberno galego neste ámbito. Esta ferramenta basearase nun estudo previo de mercado e con ela búscase dar un impulso coordinado a este eido implicando a todos os axentes do ecosistema de emprendemento de Galicia.
Ademais, fixo fincapé en que a Xunta leva anos impulsando medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 2.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha hai case dous anos. Ao abeiro desta rede, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha o Plan remuda para garantir o mantemento dos negocios como dinamizadores do territorio.
Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego. Unha delas é o proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa.
Outra das iniciativas que salientou Pablo Fernández é o Mapa de emprendemento virtual que integrará todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia. Deste xeito, explicou, o Goberno galego aposta pola coordinación e especialización do ecosistema emprendedor, xa que esta ferramenta conta na actualidade con máis de 180 entidades adheridas e ten como obxectivo coordinar e buscar sinerxías entre o público-privado.
Este tipo de medidas, subliñou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, son as que fixeron a Galicia merecedora do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025. Con elas, incidiu, a Xunta busca impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo o crecemento e progreso de Galicia.