A trixésimo cuarta edición dos encontros arrinca o vindeiro mércores cun programa de inmersión lingüística e cultural que se estenderá ata o 24 de xullo
Os Cursos de lingua e cultura galegas «Galego sen fronteiras» chegan este mes de xullo á súa trixésimo cuarta edición contando coa participación de máis de medio cento de estudantes procedentes de Europa, América e Asia. O programa, organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lrngua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, arrincará o vindeiro mércores, 3 de xullo, ás 12:30 horas co acto inaugural na Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos, Santiago de Compostela), onde terá lugar o groso da actividade. A clausura celebrarase no mesmo espazo o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia.
As persoas matriculadas este ano proceden da Arxentina, do Brasil, dos Estados Unidos, da India, da China e de Alemaña, Reino Unido, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína, Rusia e distintas comunidades autónomas de España.
Os cursos combinan clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras. Nesta edición o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e edita libros; Rosalía Fernández Rial ofrecerá un relatorio sobre o poético en diálogo con outras artes; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto deterase na emigración contemporánea a América; a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja falará sobre a fraseoloxía galega; e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará o alumnado á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.
O programa desenvólvese, co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, baixo a dirección do vicesecretario da RAG e catedrático de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura María López Sández como secretaria académica.