O evento está organizado polo Goberno autonómico e o Comité Internacional de Expertos, no que puxo de manifesto a importancia “de seguir traballando no estudo e investigación do Camiño de Santiago para acompañar deste xeito a constante evolución e crecemento do fenómeno das peregrinacións”. Ante a presenza dun cento de expertos no Camiño de Santiago, salientou a importancia deste congreso centrado “nun momento histórico clave para a cidade de Santiago e para Galicia en xeral como foi o recoñecemento arcebispal á cidade”.
Referiuse, neste sentido, a que se alinea co traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para preservar e manter o Camiño de Santiago e apostar pola investigación porque divulgar é “fundamendal para entender o momento de evolución que está vivindo a peregrinación. Poucas veces na historia chegaron tantos peregrinos como na actualidade. Nas últimas semanas recolleron a Compostela unha media de 2.000 peregrinos ao día e todo parece indicar que volveremos pechar con cifras históricas xa que a recollida de Compostelas está medrando a un ritmo do 17%”. Destacou tamén a longa historia deste Congreso e a fonda colaboración co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago nesta década.
A inauguración contou tamén coa presenza do director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa; José Fernández Lago, deán da SAMI Catedral de Santiago de Compostela; Klaus Herbers, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e coordinador do congreso; Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Pola súa banda, o coordinador do congreso, Klaus Herbers, catedrático de Historia Medieval e Ciencias Auxiliares na Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña) e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, referiuse á afluencia de peregrinos para visitar a tumba apostólica como“ fundamental para que se concedese o privilexio arcebispal”, pero tamén as accións de papas como Calixto II, que o concedeu en 1124 e deu, así, pulo á cidade e á romaxe. Manuel Castiñeiras, presidente do Comité, re fixo alusión á “longa historia deste encontro desde 1992, e neste caso trata un tema central”. Destacou a longa experiencia do coordinador, Klaus Herbers, ao que felicitou polos “máis de trinta relatores de gran nivel que reuniu e o cento de inscritos como público, o que dá a medida do interese que provoca este tema”.
Na súa intervención, o deán da Catedral compostelá, José Fernández Lago, mostrou a súa “satisfacción e a do arcebispo” por poder asistir a unha reunión “de expertos de gran nivel” e por poder coñecer a “profesores de universidades de todo o mundo que escribiron tantos libros que nos deleitaron aos que queremos a Santiago”.
Un momento clave na historia compostelá
O punto de partida do Congreso Internacional de Estudos Xacobeos o da concesión, hai xusto nove séculos, da dignidade arcebispal á cidade. O papa Calisto anunciouno 23 de xuño de 1124, como recoñecemento ao Apóstolo e ao lugar no que se repousaba o seu corpo. O nomeamento e o apoio papal ás nacentes peregrinacións supuxeron tensións e discusións con outras sés ibéricas. Tirando tesde fío, 31 expertos de sete países tratarán sobre as relacións entre Roma e Compostela, pero tamén as de Santiago e a peregrinación co resto de Europa e as manifestacións culturais que xerou a romaxe.
Entre os temas que se debullarán no congreso están as relacións entre Santiago e Roma; o apoio papal ás peregrinacións; e as circunstancias económicas, políticas e militares da época. Tamén se falará doutras metrópoles veciñas e confrontadas, como Braga ou Toledo, e da conformación das urbes na Alta Idade Media. O Códice Calixtino e a literatura xerada arredor do fenómeno xacobeo terán tamén apartados dentro do programa do evento, que abrangue temas cun arco temporal de máis de mil anos.
A Xunta e o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago organizaron en 1993 o Congreso Internacional co obxectivo de poñer en valor o legado cultural, patrimonial e espiritual da peregrinación xacobea. Desde entón, e con especial incidencia nos Anos Santos, a cita converteuse no foro fundamental da investigación internacional sobre este fenómeno, ademais de apuntalar o coñecemento histórico da propia cidade de Compostela e a súa promoción como eixo cultural e turístico.
Un cento de asistentes
Desde hoxe, os relatorios e mesas redondas correrán a cargo do propio Klaus Herbers, Daniel Berger (Niedersächsische Akademie der Wissenschaften zu Göttingen), Sebastian Röbert (Universität Leipzig), Maria José Azevedo Santos e María Alegria Fernandes Marques (Universidade de Coimbra), Carlos de Ayala (Universidad Autónoma de Madrid), Manuel Castiñeiras González (Universitat Autònoma de Barcelona), Ofelia Rey Castelao (Universidade de Santiago de Compostela), Stefan Esders (Freie Universität Berlin), Carmen Cardelle de Hartmann (Universität Zürich), Manuel Santos Noya (Universität Tübingen).
Tamén estará Alison Stones (University of Pittsburgh), Francesco Renzi (Universidade Católica de Lisboa), Paulo Almeida (Universidade de Lisboa), Xosé M. Sánchez Sánchez (Universidade de Santiago de Compostela), Marco Piccat (Università degli Studi di Trieste), Marta Cendón Fernández e David Chao Castro (Universidade de Santiago de Compostela), Jacobo Caucci von Saucken (Università di Firenze), Nikolas Jaspert (Universität Heidelberg), F. Javier García Turza (Universidad de la Rioja), Julia Pavón Benito (Universidad de Navarra), María Bonet Donato (Universitat Rovira i Virgili Tarragona).
Completan a listaxe de participantes Frank Engel (Arquivo Municipal de Calw), Armand Jamme (CNRS París), Johannes Grohe (Römisches Institut der Görres-Gesellschaft), Philippe Picone (Université Catholique de l’Ouest, Angers), Mariano Delgado (Universität Freiburg, Suiza), Piotr Roszak (Copernicus University in Thorun), Antón M. Pazos (CSIC), Javier Gómez Montero, (Universität Kiel) e Adeline Rucquoi (CNRS París), esta última a cargo da conferencia de clausura.
A celebración do congreso enmárcase no traballo da Xunta de Galicia, recollido no Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, por velar polo estudo e análise do fenómeno das peregrinacións, promover o carácter académico das investigacións e divulgar internacionalmente o Camiño de Santiago.