Toponimízate chega este venres a Camariñas á procura de colaboradores na recolla de nomes de leiras, montes e outros microtopónimos

por Redacción Galicia

O público aprenderá a empregar a aplicación Galicia Nomeada para rexistrar e xeorreferencias os topónimos tradicionais do municipio pendentes de recoller e tamén coñecerá a orixe e o significado dalgúns deles

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará este venres 28 de xuño a Camariñas. O filólogo da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada impartirá unha charla na que lle explicará ao público o funcionamento desta ferramenta. A aplicación permítelles aos veciños e veciñas de calquera lugar do país rexistrar e xeorreferenciar nomes de leiras, montes, camiños e outros microtopónimos tradicionais que corren o risco de se perder. O lugar escollido polo Concello e pola Asociación A Croa para o encontro é A Casa de Pedra (avenida da Coruña s/n). A sesión comezará ás 20:00 horas e será presentada polo xornalista da Radio Galega Xusto López Carril e pola alcaldesa, Sandra Insua.

Camariñas quedou fóra no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e apenas conta con colaboradores dados de alta en Galicia Nomeada, pero tanto o Concello como a Asociación de Montes A Croa amosaron o seu interese en impulsar a recuperación dos nomes menores do seu territorio e do seu mar. A veciñanza aprenderá na charla como participar na súa recolla a través da plataforma colaborativa posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, que tamén colaboran na campaña Toponimízate. Galicia Nomeada permite, alén de rexistrar os topónimos, anexar imaxes, documentos diversos ou audios coa súa pronuncia, entre outras funcións.As persoas asistentes coñecerán tamén a orixe e o significado de diversos topónimos que designan a paisaxe cotiá dos camariñáns, unha parte do relatorio que conta coas achegas etimolóxicas do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Un dos nomes máis significativos deste municipio da Costa da Morte é o do Cabo Vilán, un topónimo que na cartografía histórica aparece de múltiplas formas, como Belén, Velem, Bellam, Veillane ou Vilán, e que foi castelanizado en Villano, ao se interpretar como un derivado do latín VILLANO ‘habitante dunha vila’, significado que posteriormente foi ampliado a ‘ruín’ ou ‘persoa que demostra baixeza’. Porén, trátase dun topónimo de etimoloxía controvertida para o tamén se barallaron outras hipóteses como a de relacionalo co adxectivo ou co sobrenome VIL(L)ANUS, un ornitónimo relacionado ave de rapina chamada miñato.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario