O pleno aprobou unha moción que recolle que, dos 152 convenios de Augas de Galicia con administracións locais entre 2017 e 2022, «111 asináronse con concellos gobernados polo PP, 32 con concellos gobernados polo PSdeG, 1 cun concello gobernado polo BNG e 8 con concellos doutros signos»
O pleno da Deputación da Coruña aprobou na sesión extraordinaria celebrada hoxe unha moción dos grupos do PSdeG e do BNG relativa ao canon da auga a través da que se insta ao ente público Augas de Galicia a «explicar con detalle o destino da recadación do canon da auga na provincia e o criterio de reparto» deses fondos.
Tamén se lle esixe «que estableza un sistema de reinvestimento de todas as cantidades recadadas pola aplicación do canon da auga en cada concello da provincia», así como que se negocie cos concellos «o establecemento dun sistema obxectivo de reparto dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos propios da Xunta para o deseño, construción e mantemento das infraestruturas hidráulicas na nosa provincia».
O documento sometido a debate, que contou co visto e prace dos grupos do PSdeG, do BNG e de Alternativa dos Veciños, mentres que o PP votou en contra da súa aprobación, recolle que no período 2017-2022 Augas de Galicia asinou 152 convenios con concellos. Deles «111 asináronse con concellos gobernados polo PP, 32 con concellos gobernados polo PSdeG-PSOE, 1 cun concello gobernado polo BNG e 8 con concellos doutros signos políticos».
A moción indica, por outra banda, que «tampouco existe un criterio homoxéneo relativo ás porcentaxes de confinanciamento por parte dos concellos en cada un destes acordos», o cal se suma ao que ambos grupos políticos consideran no seu escrito un criterio de reparto «totalmente partidista» que contrasta co Plan Único creado pola Deputación no 2017, que distribúe os fondos dispoñibles «mediante criterios obxectivos en cada un dos concellos da provincia».
Sinalan tamén que, segundo consta nos Orzamentos da Xunta, nos últimos catro anos Augas de Galicia ingresou a través do canon case 274 millóns de euros, uns ingresos que se incrementaron nuns 400 millóns procedentes, sobre todo, de fondos europeos. Porén, a distribución deses recursos faise con «falta de transparencia e aparente arbitrariedade», subliñan.