CLUN acadou en 2023 os seus mellores resultados e reivindica que as cooperativas lideren o futuro do lácteo galego polo seu respecto ao sector

por Redacción Galicia

      A cooperativa de FEIRACO, CLESA E ÚNICLA rexistra a súa maior facturación con preto de 267 millóns de euros, o seu mellor balance e aumenta as súas exportacións ata chegar a 65 países.

. A cooperativa rural galega CLUN, que fabrica e comercializa as marcas lácteas FEIRACO, CLESA e ÚNICLA, aprobou hoxe as contas por unanimidade do último exercicio 2023 na súa Asemblea Xeral ordinaria, celebrada na súa sede de Ames.

O balance arroxa a maior facturación da historia da cooperativa alcanzando preto dos 267 millóns de euros, o maior EBITDA, cun aumento do 61% respecto ao 2022 ata chegar a preto de 8 millóns de euros, e tamén un resultado neto positivo en tódalas empresas do grupo.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, destacou que se trata das mellores contas de CLUN desde a súa fundación e que, tras varios exercicios de crecemento, plasman definitivamente a superación dos problemas que se arrastraban desde moitos anos atrás, pero, sobre todo, quixo subliñar “o xeito que a cooperativa escolle para crecer: desde o respecto ao traballo que se fai no campo e nas granxas”.

CLUN do lado do sector gandeiro

Así, engadiu, “somos máis gandeiros que nunca, impregnándonos da mesma realidade que se vive cada día nas ganderías” e sinalou que cunha estratexia baseada na “anticipación, a innovación e a fiabilidade”, CLUN busca que tanto a cooperativa como o sector e os clientes “saian gañando” ante “outras industrias que buscan máis beneficios a costa de que o traballo no rural valga menos”.

Por iso, dixo, “en CLUN negámonos a iniciar ningunha guerra de ofertas que desvaloriza o esforzo das mulleres e homes do noso rural” e “sempre buscaremos o aprecio do consumidor polo que somos e polo que facemos desde o rural galego”.

Neste sentido, Gallástegui sinalou o papel decisivo das cooperativas na posta en valor do traballo que se fai no rural “ante as falsas tutelas, profetas, profetisas, publicidade e declaracións enganosas de parte dunha industria que se envolve coa bandeira do sector e incluso coa de Galicia ao tempo que fan o posible para espremer aos produtores”. E engadiu que “as cooperativas temos que abrir un tempo novo no sector lácteo en Galicia para situalo onde lle corresponde, xa que o liderado doutras industrias converteu aos gandeiros galegos nos peor pagados de España”.

Os produtos de CLUN premiados e presentes máis de 65 países

Gallástegui destacou que os produtos de CLUN, elaborados por unha cooperativa galega que opera de principio a fin en Galicia, están xa presentes en máis de 65 países do mundo, logo de que as exportacións se duplicaran nos dous últimos anos.

Tamén subliñou a boa acollida dos iogures gregos en gran formato de CLESA que saíron ao mercado o pasado ano e anunciou que tanto desde a propia CLESA, como FEIRACO e ÚNICLA lanzarán, nas próximas datas, ata una vintena de novos produtos de alto valor engadido, que se diferencian da competencia porque “buscan unha remuneración xusta para o sector” e pola súa calidade acreditada.

Así, recordou que en 2023 a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) elixiu a manteiga ÚNICLA como a mellor do mercado sobre outras 62 competidoras e recentemente o leite enteiro de CLESA, FEIRACO e ÚNICLA foron escollidos, tamén pola OCU, como tres dos seis mellores de España.

O director xeral de CLUN repasou os investimentos que a empresa realizou nos últimos tres anos para mellorar as súas instalacións e maquinaria para unha maior eficiencia e sustentabilidade, a aposta pola profesionalidade da xestión e as reformas organizativas. Tamén aludiu ao novo plan estratéxico da cooperativa e afirmou que “CLUN está preparada para desenvolver un papel protagonista no sector en Galicia e no conxunto de España”.

Para abrir a Asemblea proxectouse un vídeo cun saúdo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Nel agradeceu “o compromiso e o traballo diario” dos cooperativistas, aos que puxo como “exemplo da fortaleza do sector e de que a unión sempre fai a forza” e cualificou a CLUN como “sinónimo de calidade, cooperación e compromiso co rural e coa terra”, con capacidade para chegar “cada vez máis alto”.

Neste mesmo senso, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, dixo que “os resultados invitan á confianza no futuro e demostran do que é capaz o sector cando traballa unido con determinación e visión”, pese a grande inestabilidade que afecta a todas as industrias. Tamén reafirmou o compromiso de CLUN co rural galego porque é o que nos distingue dos que despoxan ao sector da súa riqueza sen mirar atrás. “Nós reinvestimos na nosa xente, na nosa terra e no noso futuro en común”, engadiu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario