O Concello Oleiros volve reclamar á Xunta de Galicia a restitución de todas as liñas de transporte eliminadas desde o pasado sábado
Así mesmo, producíronse graves deficiencias no servizo durante esta semana, con constantes incumprimentos de horarios, buses ateigados de pasaxeiros pola redución de frecuencias e ausencia de información á cidadanía sobre os cambios de realizados. O caos foi tal que ata foi empregado un bus de 30 prazas para un dos servizos de primeira hora da mañá.
Ante as denuncias do Concello e de numerosos veciños, a Xunta comprometeuse a realizar cambios de inmediato e reformular a situación a partir de mañá sábado. Ata o momento non se recibiu información oficial algunha, polo que no caso de cumprir coa restitución das liñas eliminadas desde mañá, a comunicación ás persoas usuarias vai ser altamente insuficiente –nin 24 horas de antelación-.
«Este tipo de políticas, que só benefician ás empresas concesionarias, van totalmente en contra do fomento do transporte público e do interese xeral da cidadanía. A Xunta agrava así os problemas de mobilidade existentes na comarca da Coruña, sobre os que ten unha responsabilidade importante, non só por ter as competencias no transporte público, senón tamén por levar 3 anos coas obras de conexión da vía Ártabra coa AP-9 paralizadas, que sacarían entre un 30 e un 40% do tráfico da ponte Pasaxe».