Licitadas as obras de construción dun novo edificio de 50 vivendas públicas para alugueiro social en Xuxán

por Redacción A Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a Xunta de Goberno Local, que aprobou a licitación das obras de execución dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, un bloque residencial que tamén disporá de locais comerciais e sotos con garaxes.

A rexedora lembrou que esta iniciativa, incluída nos Orzamentos 2024, “abre camiño a unha das principais liñas estratéxicas que marcamos de cara a este mandato: a de impulsar o parque de vivenda pública na cidade da Coruña”. Neste sentido, o novo edificio, que se construirá nun soar de titularidade municipal na parcela Z-37 de Xuxán, estará destinado a alugueiro social.

Inés Rey recalcou, ademais, que dez das 50 vivendas serán adaptadas, “cinco veces máis do mínimo estipulado pola normativa”, o que facilitará o acceso residencial a persoas con mobilidade reducida. A este respecto, cómpre destacar tamén as 104 prazas de aparcamento que se crearán nos sotos do edificio, un total de 12 serán adaptadas.

Unha vez que se adxudiquen as obras, está prevista a súa execución nun prazo de 24 meses. O investimento estimado polo Concello é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario