Mondra reivindica con orgullo “ser galego e maricón”, xa está dispoñible nas plataformas dixitais

por Redacción Galicia

Por iso, no Día do Orgullo LGBTIQA+, o artista multidisciplinar lanza o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e no que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema está dispoñible desde hoxe nas principais plataformas dixitais.

Ei, son MARIMONDRA / un ser ben dramático / Sempre di meu pai / que nacín fóra do armario” canta Mondra nunha peza na que tamén participa a intérprete Mónica de Nut, unha colaboración que xoga coa dualidade, tanto a nivel musical coma gráfico. “Enfrontamos a sofisticación, neste caso a través do canto lírico, co desenfado”, explica o creador, quen tamén apunta ao vídeo que acompaña o tema (e que codirixe con Adela Otero), un traballo ambientado nunha froitaría algo inusual e na súa diversidade de cores e formas.

Deste xeito, MARIMONDRA preséntase como un canto proLGBTIQA+ que reivindica, con orgullo, a creación cuir galega, disidente, diversa e inclusiva; feita no país e implicada no territorio. O tema abrangue un discurso tanto lúdico e festivo coma comprometido. En atención ás diversas realidades presentes no colectivo, Mondra e o seu equipo (Jandros Rodríguez e Sabela Domínguez) visibilizan múltiples identidades con orgullo. Así, coa coreografía de Daniel Rodríguez e co asesoramento do proxecto ‘En Lingua de Signos’, signan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”.

“Queremos que MARIMONDRA sexa un canto de celebración, de liberación e de orgullo, que poida representar a calquera persoa do colectivo”, asevera Mondra, quen avanza que o tema se poderá escoitar nas súas vindeiras citas en directo.

MONDRA

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. O pasado outono publicou ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico, unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa; e pola que foi recoñecido recentemente co Premio Martín Códax na categoría de Electrónica.

Desde a estrea de ARDĒN na Sala Capitol (setembro de 2023), Mondra ten participado coa súa FOLĪA das ARDENTES en numerosas citas musicais. Este verán será parte do cartel de festivais imprescindibles do noroeste peninsular. É o caso Portamérica, Atlantic Pride, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros moitos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario