O Grupo Socialista acusa á Xunta de “poñerlle alfombra vermella” a empresas mineiras “que especulan cos nosos recursos e campan ás súas anchas”

por Redacción Galicia

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta do fiasco da Mina de Penouta, anulada polo TSXG polo incumprimento “flagrante” da normativa medioambiental e de saúde pública n aautorización do goberno galego

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe á Xunta de recibir con “alfombra vermella” a “calquera empresa mineira especulativa” que “campa ás súas anchas” explotando os recursos de Galicia. Así o dixo nunha pregunta que presentou na Comisión de Industria sobre o fiasco da autorización da Mina de Penouta, anulada polo TSXG o 11 de xuño logo de que o goberno llelo concedera a pesares do incumprimento “flagrante” da normativa medioambiental e o risco para a saúde pública.

A responsable socialista comparou esta explotación mineira coas de Corcoesto, San Finx e “moitas historias do sector mineiro” ao que a xestión do goberno galego ten convertido nun “xigante con pés de barro”. Reclamou unha ordenación que atenda aos criterios de sostenibilidade medioambiental que dea paso a empresas solventes e respectuosas co medio natural.

Patricia Iglesias reivindicou unha lexislación “ambiciosa, ordenada e sensata”, que dende logo o goberno galego non vai acadar coa Lei de Recursos Naturais que acaba de iniciar o trámite parlamentario.

Esixiulle ao goberno galego que regule ao sector e que “saquen dunha vez os concursos mineiros caducados que levan sen convocar dende 2011. Pediu “equilibro e mesura” e “frearlle os pés ás empresas mineiras especulativas” para apostar polas industrias “serias e rigorosas, que apostan pola minería sostible” que contribúan a despregar un “proxecto enerxético e industrial solvente, un proxecto de progreso sostible co noso entorno”.

A Penouta

Patricia Iglesias reclamoulle ao goberno galego “un pouquiño de autocrítica” logo da sentenza “demoledora” do TSXG, que anulou a concesión da mina da Penouta, en Viana do Bolo, porque llela concederon sabendo da afectación á cota 0 e á Zona de Especial Protección para as Aves -ZEPA-. Ademais, segundo demostrou o alto tribunal galego, o goberno sabía que a explotación provocaba contaminación por arsénico, mercurio, cadmio e chumbo nas masas de auga.

Acusou á Xunta de “mirar para outro lado” para concederlle a Declaración de Impacto Ambiental á explotación sen garantir o cumprimento dos requisitos, e agora “tócalles gobernar e buscar un plan de viabilidade alternativo para as persoas que van quedar sen traballo pola anulación da explotación”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario