Rueda anuncia que a Xunta convocará en 2025 novas oposicións de educación ata chegar ao máximo da taxa de reposición

Avanza que a oferta de emprego público elevará ata os 20.000 os profesores que se incorporaron ao sistema educativo desde o ano 2009.

O presidente do Executivo galego anunciou que a Xunta lanzará unha nova oferta de emprego público en 2025 que consolidará a plantilla de docentes ata chegar ao máximo da taxa de reposición.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, respondendo a unha pregunta sobre as prioridades da Xunta para resolver os problemas da cidadanía galega en 2025, Rueda sinalou que a Xunta seguirá mellorando o cadro de profesorado do sistema educativo como vén facendo desde o ano 2009 ata chegar ás 20.000 prazas.

Con este anuncio, Galicia esgotará o máximo da taxa de reposición fixada polo Estado, do 120%, e terá a plantilla máis alta que nunca houbo na nosa comunidade. Así, Galicia manterá un dos mellores ratios profesor-alumno do Estado.

Orzamentos 2025

Durante a sesión de control, o presidente da Xunta tamén fixo unha valoración dos orzamentos presentados recentemente polo Goberno galego para o vindeiro ano 2025.

Rueda anunciou que será o maior orzamento co que contou nunca Galicia, nos que “3 de cada 4 euros” están destinados a gasto social, contémplanse rebaixas fiscais, amplíanse as prazas de residencia, contémplanse axudas á conciliación, triplícanse os orzamentos para a vivenda e, en definitiva, axúdase a vertebrar Galicia.

O obxectivo, en palabras do titular do Executivo galego, é acadar unha Galicia “cada vez máis social” e “seguir cumprindo cos galegos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios