Ana Miranda recolle a súa acta como eurodeputada “en defensa de Galiza e das causas xustas da humanidade”

por Redacción Galicia

A eurodeputada galega subliña que o escano do BNG será a voz galega en Europa fronte aos lobis que pretenden “espoliar a nosa terra”

 A eurodeputada BNG, Ana Miranda, recolleu hoxe a súa acta como eurodeputada electa nas eleccións europeas do pasado 9 de xuño. “Desde a Eurocámara defenderei os intereses de Galiza e as causas xustas da humanidade”, subliñou a eurodeputada galega, quen destacou que na vindeira lexislatura o fará “con máis forza se cabe, grazas ao gran apoio que recibimos das 180.000 persoas que nos votaron o pasado 9 de xuño”.

Ana Miranda afirmou que desde o escano do BNG no Parlamento Europeo defenderá os sectores produtivos, tanto o sector pesqueiro e agrogandeiro fronte a quen defende os lobis enerxéticos “que pretenden espoliar a nosa terra”. “Nós seguiremos dicindo Altrinon, non coma outros, non como o PP que impulsa un modelo depredador do noso territorio nin como o PSOE, que un día di unha cousa e o seguinte a contraria”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen fixo referencia ás máis das 30.000 persoas que onte en Compostela dixeron Altri Non.

Ademais deste proxecto que o PP quere instalar en Palas de Rei tamén fixo referencia á AP9, “outro exemplo da incoherencia de outras forzas políticas e a coherencia do noso traballo continuo e sen descanso na defensa dos intereses dos galegos e galegas”. Neste sentido, Miranda destacou que o escano do BNG en Bruxelas “seguirá sendo o escano que defende os intereses de Galiza, libre, sen intermediarios, xa que ao único que lle temos que dar contas é ao Pobo Galego, non coma outros que teñen que pedir permiso e que defenden unha cousa en Madrid e outra en Galiza. 

Outra forma de facer política

A eurodeputada galega salientou que o Bloque é “a forza coherente, que defende o mesmo en Galiza, en Madrid ou en Bruxelas, porque só nos debemos ao Pobo Galego”.“Nós temos unha forma diferente de facer política. Fronte aos que só se preocupan de enlamar a política, das liortas madrileñas e as manipulacións, nós comezamos xa a traballar nesta nova lexislatura con honradez, dignidade e polo noso pobo que nos elixiu”, destacou.

Miranda agradeceu ás persoas integrantes das diferentes delegacións que viaxaron a Bruxelas para trasladar os diferentes problemas que sofre a sociedade galega, -representantes de diferentes causas como a loita contra Altri, os afectados polas preferentes, polo despoboamento ou pola contaminación mariña, entre outras-, e avanzou que o escano do Bloque seguirá sendo a voz galega en Europa e seguirá dando voz aos colectivos que se senten desprotexidos e precisan apoio nas súas demandas.

Comparte éste artículo
2 Comments