O BNG pide á Xunta que poña en funcionamento o minicriadeiro de marisco de Camariñas

por Redacción Galicia

O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento galego pedindo á Xunta de Galiza a poñer en funcionamento o minicriadeiro de ameixa e outros moluscos situadas no porto de Camariñas, así como ceder a xestión da explotación á agrupación de mariscadoras da localidade. Ademais, solicita que o goberno galego proporcione “desde xa os cursos de formación necesaria ás mariscadoras e aos interesados e comezar o procedemento para proveer as prazas dos especialistas necesarios para dirixir e traballar no minicriadeiro”.

Insua quere que a Consellaría do Mar aclare as medidas que ten previsto realizar nas intalacións abandonadas onde se atopa o minicriadeiro , e se ten prevista algunha actuación que non sexa a de recuperalas para a actividade de criadeiro de semente, “Parece que só teñen ansias de eliminalo para ocupar ese espazo do porto con outro tipo de instalacións e usos”, remarcou o representante nacionalista, que lembra que no ano 2005 comezou a funcionar en Camariñas o minicriadeiro para producir semente de moluscos bivalvos, fundamentalmente ameixa babosa e xaponesa.

O minicriadeiro nacera con fins experimentais, e estaba preparado para producir entre 10 e 12 millóns de semente ao ano, mais comezando no 2005 cunha produción de 5 millóns de semente, e chegando ata os 13 millóns no ano 2007, aínda que a media anual era de 8 millóns. Nestas instalacións a Xunta chegou a investir arredor duns 3 millóns de euros, dos que a Unión Europea aportara inicialmente 1,2 millóns de euros de fondos europeos.

Oscar Insua afirmou que “hoxe as instalacións se atopan nun estado lamentable, os teitos rachados, bañeiras rotas e ciscadas, a sala de caldeiras á intemperie, e os motores das bombas oxidados e perdidos, deixando un panorama desolador do que foi un proxecto caro, punteiro e que funcionou á perfección, hoxe totalmente esquecido pola Consellería do Mar”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario