A alcaldesa lembrou que o ano pasado o Concello abriu unha nova sala de estudos no Centro Cívico de Artesáns
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga, asinaron no Palacio de María Pita o convenio nominativo polo que o Concello renova o apoio ao financiamento dos gastos da entidade social e cultural.
En total, a Administración Local achegaralle á Asociación Recreativa de Artesanos un total de 91.000 euros neste ano 2024, o que permitirá a posta en marcha de actividades na sede da entidade na rúa San Andrés. Rey puxo en valor o traballo do Circo de Artesáns, con máis de 177 anos de historia: «É un orgullo contar cunha entidade con tanta historia, símbolo e emblema cultural e de progreso».
A alcaldesa lembrou que, ademais do convenio para o financiamento, o ano pasado o Concello abriu unha nova sala de estudos no Centro Cívico de Artesáns, operativa de luns a domingo en horario de mañá e tarde. Un recinto de 237 metros cadrados para incrementar os espazos dispoñibles para o estudantado na cidade.
Neste ano 2024, o Concello mantén convenios nominativos por máis de 3,7 millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, o benestar social, a igualdade e a atención de colectivos vulnerables.