Inician os traballos para renovar o pavimento na praza Agustín Díaz do Birloque

por Redacción A Coruña

Coas melloras no firme da praza, situada no acceso principal ao Complexo Polideportivo de Elviña, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude veciñal

O Concello comezou hoxe os traballos para renovar o pavimento na praza Agustín Díaz, situada no barrio do Birloque e, máis concretamente, no acceso principal ao Complexo Polideportivo de Elviña.

A intervención, que se levará a cabo en 6.477 metros de superficie, permitirá a recuperación total da calzada da praza, coa disposición dunha mestura bituminosa MBC tanto no treito habilitado para a circulación rodada como nas áreas destinadas especificamente ao estacionamento de vehículos.

Xa posteriormente ao asfaltado, completarase a actuación co pintado necesario da sinalización horizontal -que inclúe os dous pasos peonís situados nos sectores oeste e leste da praza- e as catro prazas de estacionamento PMR dispostas en Agustín Díaz.

Os traballos na praza, que contan cun prazo de execución de dúas semanas, aproximadamente, suporán un investimento superior aos 65.000 euros

Desta forma, o Goberno de Inés Rey responde unha solicitude veciñal dos barrios do Birloque e Elviña e, de paso, continúa co plan de mellora dos espazos públicos que se está a promover a través do Servizo municipal de Infraestruturas, que nos pasados días tamén executou melloras no pavimento na contorna dos Cantóns, por exemplo.

A base de BiciCoruña na praza, inactiva ata este xoves por mor das obras

As obras en Agustín Díaz suporán a anulación temporal da estación de BiciCoruña situada na praza. Os traballos na contorna da base levaranse a cabo, concretamente, entre hoxe e o venres 29, incluído, polo que as persoas usuarias do servizo non poderán acceder á estación durante estes catro días.

A este respecto, as e os usuarios de BiciCoruña terán como alternativas máis próximas as bases do recinto feiral Expocoruña, na avenida da Universidade, e a da rúa Pintor Luis Mosquera.

Ao igual que todas as bases de BiciCoruña, estas dúas estacións están dispoñibles desde as 07.00 da mañá ata a 01.00 da madrugada, co que se facilitan os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario