Do 1 de xullo ao 31 de agosto pode visitarse a exposición pictórica no ESPACIO DE ARTE de Roberto Verino da planta baixa da tenda da Rúa do Paseo en Ourense
O luns 1 de xullo ás 19 horas terá lugar a inauguración de “Puertos de la antigüedad”, a selección da obra pictórica de José Monjardín Fernández que permanecerá exposta durante todo o verán no Espazo de Arte de Roberto Verino na cidade das Burgas. Ata o 31 de agosto poderá visitarse no 21 da Rúa do Paseo. A propósito da mesma di o autor <<as formas clásicas da arquitectura da antigüidade emanaban do estado de ánimo de sociedades que inauguraban as praias da civilización. Proclamaron o seu máis que lexítimo orgullo levantando cara ao ceo a máis harmoniosa e ordenada pedra, unha homenaxe propia ao seu fascinante diálogo co tempo, o vertixinoso inquilino dos universos. Polo menos 293 olimpíadas durou o vello proxecto fundacional. Sería impensable que as acrópoles non dominasen as súas cidades, a súa función sabíase transcendental: abastecer desde o alto e coas súas obras sempre vivas, o sentido e a continuidade daquela gran aventura. A convivencia. Estes mil anos si que son o patrimonio da humanidade.
A día de hoxe, é un feito que as formas clásicas, os deuses, todos uns detrás dos outros, os misterios e ata as ilusións ou os proxectos, xacen desbaratados ou vagan e deambulan en desbandada, incrédulos ante a enorme usurpación dos contables do desaguisado actual>>.
Os cadros<<É apenas no húmido hummus do noso humor e a nosa humildade onde a humanidade pode “laborear” a sempre delicada tarefa da esperanza. Este foi o sistema. Os materiais que se empregaron son materias primas e materias irmás; valores subtraídos e nada de valores engadidos por ningunha parte; desorde previa como un pequeno infinito de xoguete. As andanzas, o impulso do escaravello que move o mundo, isto é certo, comprobouse recentemente ou tamén dos sete touros que axitan o firmamento desde o gran norte. Pericias ao chou en terra de ninguén, en terras baixas e ás veces en terras altas, e é que, tanto insiste a cosquilla que, de cando en cando, ata dá o seu froito a quimera>> reflexiona o autor.