O Goberno de Inés Rey daralle continuidade á gratuidade das escolas infantís, unha iniciativa posta en marcha no pasado mandato e coa que o Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia.
O Concello da Coruña abre este xoves o prazo de solicitude para optar ás 132 prazas dispoñibles na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) con vistas ao vindeiro curso 2024-25.
Estas prazas repartiranse entre as EIM A Caracola (Novo Mesoiro), Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Rosales, Luís Seoane (Monte Alto), Monte Alto e Os Cativos (Palavea). Algo máis da metade das vacantes ofertadas nesta nova convocatoria correspóndense coas aulas de 2-3 anos, para nenos e nenas nados no 2022. Ademais, hai 6 prazas para crianzas de 1-2 anos e 54 vacantes para as e os pequenos nados este ano.
A distribución, por Escolas Infantís Municipais, é a seguinte:
AULAS | A CARACOLA | AGRA DO ORZÁN | ARELA | CARRICANTA | OS ROSALES | LUÍS SEOANE | MONTE ALTO | OS CATIVOS |
0-1 (2024) | 5 | 11 | 2 | 9 | 10 | 3 | 0 | 14 |
1-2 (2023) | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 1 | 5 |
2-3 (2022) | 4 | 11 | 11 | 13 | 17 | 0 | 1 | 15 |
Cómpre lembrar que o Concello sufragará novamente o custo íntegro das oito horas de atención educativa. Desta forma, o Goberno de Inés Rey daralle continuidade á gratuidade das escolas infantís, unha iniciativa posta en marcha no pasado mandato e coa que o Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia.
A información completa pode consultarse na páxina web do Concello. Tamén o extracto da convocatoria, publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O prazo de solicitude, aberto ata o vindeiro mércores 10
A convocatoria de prazas na REIM estipula cinco días hábiles para a tramitación de solicitudes para novos ingresos, polo que o prazo estará aberto entre este xoves 4 e o vindeiro mércores 10 de xullo.
A seguinte data a ter en conta no calendario da convocatoria é o 12 de xullo, cando se publicará a listaxe provisional. Abrirase entón un prazo de alegacións e reclamacións entre o 15 e 17 de xullo. As listaxes definitivas publicaranse o 22 de xullo. Finalmente, a matrícula poderá formalizarse do 29 ao 31 de xullo.