O Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia estase consolidando como a ruta de peregrinación preferente para todos os tránsitos procedentes do sur de Galicia.
Os trinta veleiros que participan na IV Ruta Rías Baixas-Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia chegarán esta fin de semana á Ría da Estrela. Trátase dunha travesía lúdica que busca dar a coñecer a ruta xacobea por mar a través da Ría da Estrela, promover o turismo náutico, divulgar a cultura mariñeira, impulsar o deporte da vela e destacar as potencialidades dos diferentes portos ao longo do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia.
Organizada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, o Monte Real Club de Iates e o Real Club Náutico de Portosín, a expedición partiu o pasado luns de Baiona, dende onde percorrerá máis de 90 millas náuticas ata Portosín, pasando polas illas Cíes, Aldán, Combarro, a illa de Ons, Portonovo, o illote Areoso, Pobra do Caramiñal, Corrubedo e Muros, entre outros puntos. Cinco días de navegación a vela que finalizarán cunha peregrinación por terra ata Santiago de Compostela.
Ao superar as 90 millas náuticas, os participantes que o desexen terán a posibilidade de conseguir a Compostela. Isto débese ao precepto das 90 millas náuticas que se recolle na Credencial do Peregrino, é dicir, que para que unha navegación sexa considerada peregrinación debe ser feita a vela e cun percorrido mínimo por mar de 90 millas náuticas. Dúas condicións que compren os tripulantes dos trinta veleiros que participan nesta IV Ruta Rías Baixas-Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia.
Valor diferencial
A compoñente marítima do Camiño da Ría de Muros Noia constitúe o seu valor diferencial e a súa auténtica razón de ser. En tempos medievais, a navegación resultaba complicada pero afrontar un longo percorrido por terra era aínda máis perigoso, o que facía que moitos deles buscaran achegarse o máis posible a Compostela a través do mar. Esta realidade motivou que a Segunda Cruzada recalase coas súas naves en Muros ou que o navegante veneciano Pietro Quierini se achegara á Ría da Estrela para camiñar ata Santiago e pedirlle axuda ao Apóstolo na súa viaxe.
Ademais de converterse na referencia xacobea para os peregrinos que chegan a Compostela por mar, o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia tamén é unha fonte de riqueza para os municipios polos que transcorre. E é que, segundo os datos que manexa a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, o consumo medio por turista e día neste itinerario xacobeo está próximo aos catrocentos euros, o que quintuplica ao do turista peregrino medio de Galicia.
De feito, o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia é o único itinerario de peregrinación que xerou unha ruta comercial fixa e estable, operada desde a Ría de Vigo por unha navieira con veleiros de cruceiro e que ten programadas varias saídas para este verán de 2024. As próximas terán lugar o 24 de xullo, o 28 de agosto e o 11 de setembro.