O Concello ten previsto acometer 16 actuacións en paradas asociadas ás liñas de transporte urbano. Ademais do Castrillón, tamén se levarán a cabo nos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou e Monte Alto.
O Concello puxo en marcha este xoves os traballos para mellorar a accesibilidade na parada de autobús 509 da liña de transporte urbano, situada na rúa José María Hernansáez, no barrio do Castrillón.
Esta intervención forma parte do plan impulsado polo Goberno de Inés Rey para remodelar as paradas de autobús da cidade, adaptándoas as necesidades actuais das persoas usuarias. Nesta fase do plan, esta iniciativa suporá melloras en 16 plataformas situadas nos barrios dos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou, Monte Alto e tamén do Castrillón.
Foi precisamente neste último barrio onde comezaron as actuacións previstas. A primeira delas, a mediados do pasado mes de xuño, na rúa Curtis. Agora, o Concello acomete a segunda das intervencións, na rúa José María Hernansáez.
Ampliación da plataforma e instalación dunha nova marquesiña
As obras na parada de autobús 509 arrincaron coas demolicións iniciais nas beirarrúas lindeiras á propia parada, un paso necesario para acometer, en primeira instancia, a reorganización da rede de saneamento da contorna.
Renovarase tamén o pavimento da beirarrúa, onde se incluirán baldosas podotáctiles para reforzar a accesibilidade e o tránsito das persoas invidentes.
No tocante á nova parada está prevista a ampliación da dársena actual. Ademais, instalarase unha marquesiña para protexer as persoas usuarias en xornadas de inclemencias meteorolóxicas.
A previsión do Concello é que, tras rematar os traballos na rúa José María Hernansáez, o plan de melloras avance cunha nova actuación na parada de autobús situada na avenida da Concordia, 50.
O Castrillón, punto de partida das actuacións cofinanciadas con fondos Next
As melloras de accesibilidade nas paradas de autobús do Castrillón dan continuidade ás actuacións urbanísticas que xa se están a executar no barrio, atendendo as solicitudes veciñais. Por exemplo, a remodelación do cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís, preto do centro cívico do Castrillón e a praza Pablo Iglesias, «un enclave onde era preciso intervir para reforzar a seguridade viaria, por ser unha zona de tránsito habitual das e dos peóns», incidiu a alcaldesa, Inés Rey.
Estas intervencións forman parte das 17 que o Goberno de Inés Rey xa está a acometer de forma gradual nos barrios da cidade grazas ao financiamento captado na segunda convocatoria de fondos Next Generation. Ademais do Castrillón, haberá melloras nos Mallos – A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e nas conexións entre Agrela e o Ventorrillo.