Besteiro denuncia que os galegos e as galegas pagarán no recibo do lixo a incapacidade da Xunta para modernizar Sogama

por Redacción Galicia

“A Xunta do PP ten abandonados aos concellos. Rueda non entende o ámbito local e está colapsando aos municipios”. Así se expresou hoxe o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sobre as competencias impropias que están a asumir as administracións locais porque a autonómica non atende as súas responsabilidades.

Besteiro mantivo unha reunión esta mañá co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que lle detallou os graves problemas que están a enfrontar os concellos porque deben prestar servizos para os que non dispoñen de financiamento.

Durante o encontro, ambos analizaron tamén a situación que provoca o incremento de custes que experimenta Sogama, a sociedade participada pola Xunta ao 51 % que se encarga da xestión dos residuos que se xeneran na maior parte dos municipios galegos.

Besteiro criticou que o Goberno autonómico culpe ao Estado desa situación, porque a razón do aumento é que a directiva europea sobre residuos penaliza “a ineficiencia dese sistema”. En concreto, a norma contempla taxas e restriccións aplicables ás operacións de deposito en vertedoiros e incineración de residuos. E o 90 % do lixo que xestiona Sogama vai parar a un vertedoiro ou directamente se queima.

José Ramón Gómez Besteiro lamentou tras a xuntanza que os galegos e as galegas “van pagar outra vez máis” no recibo do lixo a incapacidade da Xunta para modernizar Sogama. E que as consecuencias desa política de queimar e acumular refugallos as asuma a cidadanía é “unha absoluta irresponsabilidade”, afirmou.

O tamén portavoz socialista no Parlamento de Galicia mostrou a súa indignación por que o presidente Rueda estea “preocupado por retirarlles impostos ás clases máis favorecidas e non teña ningún tipo de escúpulo” á hora de repartir incrementos de custes coma o de Sogama “entre todos os veciños e veciñas da nosa comunidade”.

As eivas do modelo de Sogama repítense, por exemplo, co canon da auga, que está afogando a economía de moitos concellos, especialmente nos que Augas de Galicia xestiona as depuradoras, tal como consta nas queixas recabadas pola Fegamp.

Pero Besteiro tamén denunciou que a Xunta está a levar as arcas municipais a unha “situación límite” ao descargar nos concellos a prestación de servizos básicos como a axuda no fogar ou o mantemento dos colexios, que, ao tempo, se ven resentidos pola falta de implicación do Goberno galego.

Nese contexto, a Fegamp leva agardando dende decembro a que a Xunta responda á súa petición de reunir a comisión sobre competencias e financiamento. Mentras, as competencias impropias “asfixian” aos concellos, tal como coincidiu o presidente da Federación.

Os servizos sociais están totalmente saturados por ese motivo. A Xunta non responde ao incremento de custes do servizo de atención no fogar, imprescindible para moitas persoas maiores e dependentes, e descarga nos municipios, por exemplo, a gratuidade das escolas infantís municipais. “Podémolo dicir máis veces e incluso dicilo máis claro: a situación é desesperada e a Xunta debe reaccionar ás peticións dos concellos”, esixiu Alberto Varela.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario