Fernando Carlos Rodríguez dimite da presidencia do PP de Sarria

por Redacción Lugo

Rodríguez trasladou a súa intención nunha reunión coa presidenta provincial, Elena Candia, e a portavoz municipal, Carmen José López e, posteriormente, explicitou a súa decisión a través dunha carta dirixida á mandataria provincial na que explica que ese era “dende o primeiro momento” o obxectivo “co que eu mesmo e os compañeiros da candidatura” se presentaran ao congreso local do 24 de setembro do 2022 no que resultou elixido presidente local.

“Unha vez que se conseguiu nomear a unha persoa que é a actual portavoz municipal, Carmen José López, e pasadas as eleccións municipais, xerais, autonómicas e europeas -nas tres últimas con destacados resultados superando o 50% de apoios- é o momento de presentar a miña dimisión”.

O ata agora presidente do PP de Sarria tamén subliñou na súa carta que “debe ser a portavoz municipal, Carmen José López, a que asuma a dirección do Partido Popular local, ademais do Grupo Municipal no Concello conformado por un conxunto de concelleiros moi unidos”. E engadiu que “xa é a portavoz a persoa á que os veciños lle trasladan os asuntos que lles preocupan e a que está levando os temas municipais aos plenos”. Polo tanto, “o normal é que sexa ela quen dirixa a agrupación” unindo as funcións do Grupo Municipal e do PP local” para “evitar unha dicotomía”.

É por iso polo que o ata agora presidente, propón que sexa Carmen José López a que presida unha xestora ata a convocatoria dun novo congreso local.

COMPROMISO E XENEROSIDADE

Candia pon en valor “o seu compromiso de tantos anos” dende distintas responsabilidades dentro do Partido Popular lucense e “a súa xenerosidade” neste paso “decisivo para o futuro de Sarria e da provincia”.

Así mesmo, aproveitou para trasladar o seu agradecemento a todo o PP de Sarria – xunta directiva, grupo municipal, afiliados e colaboradores- polo traballo neste tempo e nas distintas campañas electorais “defendendo o noso proxecto”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario