Grazas a todas as persoas que confían en 21noticias para denunciar situacións de amiguismo e outras situacións en Educación da provincia de Lugo. Ninguén nos vai facer calar, menos os matóns de redes sociais. Este medio de comunicación está aberto a todas aquelas persoas que queiran opinar con criterio. O que van ler a continuación, é unha carta enviada a 21noticias para que lle désemos difusión.
O desgoberno e a falta de rigor da Inspección Educativa de Lugo nos últimos meses, parece manifesta, e mais cando non se corrixe nin intención parece haber, senón que vai a máis e crense coa impunidade de facer ao seu antoxo.
Sabemos que ser mestre/a nos tempos que corren non é doado (alumnado, familias, políticas dos centros…)pero máis difícil se che fai cando te vés desamparado e indefenso ante a túa propia Inspección Educativa; responsables aos que se lles presupón responsabilidade, profesionalidade ética e compromiso co posto que desenvolven, pero que no caso de Lugo, parecen abondar estas para valerse de “trapicheos”, “chanchullos” e “enredos” para favorecer os mestres/as que son máis amigos/as, afíns ou aduladores de inspectores/as endiosados/as para gañar os seus favores (é lóxico, en ocasión precisan axudan na preparación de temarios de oposición e sempre hai un lacaio que cobrara favores e presuma de relacións co inspector xefe e coa xefa territorial).
Supoño que non todos/as os inspectores/as son iguais, a estas alturas, igual é moito supoñer, pois se seguimos ascendendo na xerarquía educativa, existe unha pasividade manifesta e palmaria por parte do inspector xefe e da Xefa Territorial, iso xi, sempre con boas palabras, pero incapaces de poñer orde no caos e nas tropelías que inspectores/as de formas rudas e prepotentes se permiten, para colocar mestres afíns a algunha inspectora como aconteceu nalgunha Aula Hospitalaria. Logo enmascararano de malentendido e fin da historia. 1º peón colocado no taboleiro para crear unha rede que se poida manipular.
Nin que dicir ten, a elección ás direccións dos centros educativos. Son tocadas polo dedo de Deus da Inspección Educativa ao seu antoxo, independentemente dos méritos e capacidades que se lles poidan presupoñer aos mestres aspirantes, principio que rexe a elección de directores en centros. Mais cando os teus méritos sendo superiores como mestre definitivo e con maior antigüidade, co curso de Formación da Función Directiva superado, acreditan que tes a capacidade para selo; estes son menosprezados e desvalorados fronte aos de outro mestre con menos méritos e con carácter provisional como pasou nalgún centro da Terra Chá. Xa temos o 2º peón colocado no taboleiro.
Entón, ¿para que a propia Administración nos forma e incentiva que nos involucremos nas direccións dos centros? ¿De que serve convocar un procedemento público cando o manexan ao seu antoxo?
Parece que aos mestres só nos abocan a unha única fórmula, a ser funcionarios no sentido máis estrito da palabra, para que crer que podes aportar algo ou contribuir a mellorar o noso sistema. Non creas que poidas aportar. Se o dedo de Deus da Inspección non te sinala a ti, limítate a ser un funcionario no sentido máis estrito da palabra, porque así sen dar moita guerra, evitas o risco de baixar aos infernos e someterte por exemplo a un procedemento abreviado de sanción. Xa mo dixo un día un inspector, que era “inxenua” e igual tiña razón porque os obxectivos que perséguemos como mestres non son os que eles mesmos perseguen.
Pero ante as inxustizas, tampouco acudas a un sindicato dos tantos que fan campaña, para que? Tes que pasar a primeira pregunta…”estás afiliado con nós?”. Pois eu non, aínda así teñen a amabilidade de dicirme: “vese claramente que o teu é un chanchullo”, “xogoucha a inspectora”, “é moi difícil que cambien as decisións”, “segue os procedementos pero non vas conseguir nada”, “busca un avogado para reclamar”, “resoplan cando oen o nome dalgunha inspectora e sorrín con complicidade” (como coñecedores das realidades), “vante esgotar psicoloxicamente” “van esgotar o silencio administrativo para obrigarte a ir ao tribunal contencioso administrativo”, “vou preguntar sobre o teu pero son procesos opacos”… A min a palabra opacidade e administración pública cústame mételas na mesma frase.
Para que quero afiliarme e confiar nun sindicato, si cando me teña que defender eles non van estar na trincheira. Fan de avogado do diaño, xa che explican o que vai acontecer e o que vai facer a inspección educativa antes de que pase. Son coñecedores do seu “modus operandi”. Pero a ningunha cabeza pensante destes sindicatos se lles ocorre dar un golpe sobre a mesa, nin confrontar á Inspección Educativa. ¿Por que? ¿Algún interés?
¿Cando xa es coñecedora disto, plantexaste como seguir aquí, ¿para que tanto esforzo cada día? ¿Por que pretender cambiar as cousas? Por que contribuir co teu graiño de area a facer un sistema galego de educación que sexa bandeira e exemplo. E só me ven á cabeza unha resposta. O meu alumnado, o que atendo, o que atendín e o que espero continuar atendendo. Eles son os que nos precisan, somos mestres do ensino público e iso (aínda que algúns non o teñen claro) é para chegar a todos/as os nosos alumnos/as. Eses que contribúes na súa formación a favorecer neles valores de honestidade, e respeto, de xustiza, de bo facer…para cando nun futuro non tan lonxano, cando ocupen postos de responsabilidade, sexan quen de tomar decisións acertadas e xustas e aínda que de equivocarse saiban emendar os seus erros.