Arroxo: «a veciñanza das zonas afectadas recolleu tamén centos de alegacións a este proxecto, isto demostra que hai un importante rexeitamento a unha industria que producirá un gran impacto negativo en Lugo».
O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por Montserrat Valcárcel, deputada do BNG no Parlamento Galego, participaron na mesa informativa que colocou o BNG para facilitar á veciñanza de Lugo a presentación de alegacións ante o proxecto de construcción dunha fábrica de Metano na contorna de Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que «desde a publicación do proxecto apoiamos ás veciñas e veciños das zonas afectadas e colaboramos coas distintas accións que levaron adiante».
«Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «seguimos traballando para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana». Na xornada de hoxe recolléronse máis dun cento de alegacións por parte do BNG, «que se suman aos varios centos que presentaron as veciñas e veciños e ás presentadas polas e polos lucenses», explicou Arroxo.
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo. O BNG trasladou tanto ao Parlamento Galego como ás distintas institucións onde ten representación a problemática e as reclamación trasladadas polas veciñas e veciños.