CNT: «Sindicatos do transporte sanitario, CIG, UGT, CCOO e USO, convocan mobilizacións de apoio á patronal»

por Redacción Galicia

O vindeiro mércores 10 de xullo os sindicatos do sistema convocan unha concentración diante do SERGAS para pedir que a Xunta aumente os contratos das empresas do transporte sanitario. Unha vez máis os sindicatos do sistema obedecen directamente aos intereses da patronal e deixan de lado os intereses das persoas traballadoras do sector.

Supostamente detrás da protesta está tamén, en letra pequena, a petición do pagamento dos atrasos de convenio. Con todo, o que esquecen os sindicatiños da mesa é que foron eles mesmos os que aceptaron condicionar o pagamento destes atrasos a unha situación tan indefinida como “a concesión da última das licitacións” e que, entendendo literalmente o acordo, os atrasos debían ter sido pagos no mes de abril. En todo caso, entendemos desde a CNT que as protestas deberán dirixirse á patronal e non se entende por que presionar ao SERGAS para que adxudique uns contratos que están licitados hai meses.

Ou si que se entende. Desde os catro sindicatos esquecen lóxicamente evidenciar que o que están facendo é servir de parvos útiles da patronal e iniciar unhas protestas contra o SERGAS que van beneficiar exclusivamente ás empresas do sector que esquilman os orzamentos públicos dando un servizo que perfectamente se podía dar desde a propia administración.

Esquecen tanto a CIG, como UGT, CCOO e USO, que a dotación destes contratos xa fora aumentada nas licitacións anteriores até un 40%, e esquecen tamén que o SERGAS renunciou a aplicar as prórrogas automáticas das licitacións en curso (que serían dous anos máis) para incrementar o custo dos contratos, que se acaba de elevar un 25%. Desde os sindicatiños do poder estase a tomar posición de forma vergoñenta pola patronal, esquecendo completamente reinvidicaicóns históricas do sector como a prestación directa do servizo e a subrogación do persoal de maneira estable e con todos os dereitos. Xa nin falar de controlar a prestación do servizo durante todos estes anos, cuxos incumprimentos patronais e contra os dereitos das persoas usuarias claman ao ceo.

Cando se estaba a negociar o convenio do transporte de accidentados por autoestrada xa se podía ver con claridade que isto ía pasar, que os sindicatos (empezando polo maioritario) se amosaban completamente entregados á patronal, e que apenas estaban interesados na subvención (asinar un convenio a toda costa para xustificar os ingresos da negociación colectiva) e na estética (dar apariencia de radicalidade ante a súa afiliación, convocando unha folga sen efectos económicos para as empresas, que seguiron percibindo a dotación económica no entanto o persoal non percibía o seu salario). Mentras tanto, os representantes sindicais tomaban whiskeys coa patronal. Daquelas copas estes piquetes.

Desde a CNT non se apoiarán estas protestas de apoio patronal e continuaremos con firmeza na nosa denuncia dos abusos da patronal do sector, aínda que os delegados da CIG ou de USO continúen acudindo aos xulgados ou á inspección de traballo a defender ás empresas. Ao mesmo tempo poñémonos ao servizo de todo o persoal do sector que non acepta estas componendas entre patronal e sindicatos e invitamos a todos eles a abandonar as vellas estruturas sindicais corruptas, baseadas na delegación dos delegados e dos comités de empresa, e integrar unha forza efectiva e combativa de sindicalismo coa forza da implantación e no que cada persoa conta e as decisións se adoptan de maneira colectiva.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario