Inaugurada a nova sede de Cruz Vermella na Gudiña 

por Redacción Ourense

Luis Menor: «É o exemplo da utilidade da cooperación para mellorar a vida das persoas»

A Asamblea Comarcal Viana Conso-Frieiras de Cruz Vermella vén de inaugurar a súa nova sede, na rúa Beato Sebastián Aparicio de A Gudiña. A esta apertura asistiu o presidente provincial, Luis Menor, quen calificou esta nova infraestructura como «exemplo de utilidade da cooperación institucional para mellorar a vida das persoas». No acto inaugural participaron Néstor Ogando, alcalde da Gudiña; María del Pilar Vega Sánchez, presidenta comarcal de Cruz Vermella en Viana; e Felipe Ferreiro, presidente provincial da organización humanitaria.

O presidente da Deputación puxo en valor o traballo que desenvolven os 130 voluntarios desta asamblea comarcal, pois prestaron servizo a 700 persoas o pasado ano. Salientou que a intervención social nas administracións locais e provincial é cada vez máis necesaria por cuestións demográficas, «e grazas a organizacións como Cruz Vermella, chegamos a onde non seríamos capaces de chegar as administración por si mesmas», de aí que destacase a colaboración constante da Deputación con esta institución desde os seus propios inicios en Ourense: «A historia da organización humanitaria en Ourense é tamén unha parte da historia da Deputación. Só cabe lembrar que a Cruz Vermella en Ourense foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos do Pazo Provincial».

O presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, agradeceu a colaboracion directa da Deputación, aportando 48.000 euros para a adquisición do local que alberga a nova sede en A Gudiña, «sen a que sería imposible que hoxe puidéramos ter estas instalacións».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario