O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o director de Alar Galicia, Fernando González, reuníronse hoxe para abordar a colaboración en novas accións e xornadas divulgativas que se desenvolverán este ano no marco dos programas de inclusión social que impulsa a entidade co apoio do Goberno galego.
Arias destacou que a Consellería de Política Social e Igualdade vén de conceder case 56.000 euros a Alar Galicia para o proxecto Paso a paso: adiante, que busca facilitar a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero con distintas accións de orientación e formación para o emprego. A axuda aprobouse no marco dunha convocatoria dirixida a entidades de iniciativa social cuxa resolución foi publicada esta semana no DOG.
Arias lembrou que a Xunta colabora con Alar no desenvolvemento dun amplo abano de programas de prevención e de atención a persoas e colectivos con dificultades para incorporarse a unha vida social normalizada.