A Xunta de Galicia apoia a celebración en Lugo do XIII Festival Internacional TangoLiber, o evento organizado por Tango Club Galicia que se desenvolverá desde mañá ata o domingo no Eurostars Gran Hotel e no Círculo das Artes.
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa e destacou que este proxecto “reforza a imaxe de Lugo como escenario idóneo para acoller eventos de proxección internacional”, e revela os fortes lazos coa Arxentina, “a quinta provincia galega, un lugar de acollida e irmandade co que mantemos unha íntima unión”.
Conta con arredor de 200 participantes e inclúe seminarios especializados, con clases técnicas sobre o baile, encontros e veladas musicais. Os mestres serán Christian Márquez e Virginia Gómez, «Los Totis», e actuarán os DJ Ariel Yuryevic, Carmen Villafuerte, Enrique Ringa e Magín López.