O xardín creouse seguindo unha concepción máis contemporánea, seguindo os criterios do paisaxismo naturalista, que simula a natureza da contorna e é máis ecolóxico e sostible.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, participaron hoxe na inauguración oficial dos renovados xardíns da Casa-Museo de Rosalía, na localidade padronesa.
A reforma, que tomou como base o Plan Director -o primeiro redactado en Galicia para un xardín- realizado en 2021, levouse a cabo nos últimos meses cun orzamento de máis de 80.000 euros, dos cales 60.000 foron achegados pola Deputación da Coruña e 15.000 polo Concello de Padrón, aos que se suman os 5.000 euros investidos no proxecto pola Fundación.
A actuación cumpre o compromiso adquirido por Formoso e Arca na súa última visita á Casa de Rosalía, no mes de outubro do ano pasado, para colaborar desde Deputación e Concello de Padrón na recuperación e posta en valor do xardín exterior do inmoble, que conta cunha gran riqueza botánica e especies arbóreas singulares.
«Para a Deputación é unha satisfacción colaborar co Concello de Padrón e coa Fundación Rosalía de Castro na recuperación e mellora dun espazo tan singular coma estes xardíns, un lugar emblemático cuxa historia merece ser coñecida», afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que «estamos seguros de que Rosalía de Castro estaría moi satisfeita de ver estes xardíns polos que paseaba remozados cunha sensibilidade exquisita por parte da Fundación e das empresas que participaron no proxecto e coa colaboración imprescindible do alcalde, Anxo Arca, o que vai a permitir que os visitantes gocen este verán tanto do interior como do exterior deste enclave tan especial para nós», afirmou.
«Estamos felices de inaugurar hoxe aquí estos renovados xardíns e facelo ademáis nun tempo tan curto», afirmou o alcalde de Padrón, Anxo Arca, que destacou a importancia e simbolismo da Casa Museo de Rosalía «non só para Padrón, senón para toda Galicia».
O alcalde felicitou a todos os actores implicados polo seu apoio e implicación e destacou a importancia da Fundación Rosalía de Castro e a «vontade de colaboración» do goberno municipal con calquera iniciativa dirixida a pór en valor a figura de Rosalía.
Trátase dun «chanzo máis», en palabras de Anxo Angueira, «no proceso de modernización xeral que estamos levando a cabo na Casa de Rosalía desde o ano 2012, logo da renovación da Casa-Museo, a súa musealización, os accesos, o pavimento e o auditorio», afirmou o presidente da Fundación que agradeceu «que a obra poda estar completada en menos dun ano».
A reforma foi presentada por un dos responsables do proxecto, o paisaxista Miguel Lois, quen explicou a nova concepción do xardín, máis contemporánea, cuxos obxectivos son «potenciar o carácter ornamental, conseguir unha maior naturalización do xardín e simplificar o mantemento». Os novos espazos creados seguen o criterio do paisaxismo naturalista que se caracteriza por darlle liberdade á flora para crear espazos que simulan á natureza da contorna.
Mediante a nova vexetación preténdese controlar as vistas cara o exterior, minimizar o mantemento e diminuir o rego facéndoo máis sostible, coser distintas construcións, modificar os espazos con novas aliñacións e conseguir espazos menos compartimentados e que melloren a circulación polo xardín.
Respecto do arboredo existente no xardín, o 74% son camelias e o 16% son outras especies de folla perenne, polo que soamente o 10% das árbores son caducifolias. Este desequilibrio fai que, tal como se indica no plan director, sexa precisa a introdución de novas árbores de folla caduca xa que estes ofrecen unha beleza estacional e unha ampla variedade de cores ao longo do ano.
A vexetación é a verdadeira protagonista da reforma, coa introdución dunha maior naturalización, introducindo especies citadas no ‘Herbario de Rosalía’ e que son comúns en todo o país, como distintos tipos de rosas (a flor máis citada por Rosalía, que era chamada Rosa pola familia), estraloques, lirios, fieitos, carballos e moitas outras. Tamén se procedeu á replantación de «albariñas uvas» (tal e como aparece na obra de Rosalía) nas vides da Horta.
Accesibilidade e sustentabilidade
Na entrada ao xardín reconstruíuse por completo o pavimento de pedra existente, facendo á súa vez accesible o acceso principal. Procedeuse á retirada das sebes de buxo, gravemente danadas por fungos, co que se consegue un maior contacto coas especies vexetais acidófilas que aquí se plantaron (hortensias, azaleas, gardenias…), especies que se complementan e crean atractivo durante todo o ano, ao mesmo tempo que simplificarán o mantemento.
Tamén se instalou un sistema de rega automática en cada unhas das novas zonas de plantación, empregándose o sistema de rega por goteo, moito máis sostible e ecolóxico.
A reforma do xardín tamén trouxo consigo novos modelos de xestión do mantemento. Nas pradeiras aumentouse o grao de naturalización para favorecer a aparición da flora espontánea ou a flora humilde que ocupa un lugar verdadeiramente destacado na produción literaria de Rosalía, a que ela mesmo chamou as «herbas do campo florido» e as «herbiñas do camposanto». O obxectivo é xerar un mosaico rico en estratos ecolóxicos que melloran a biodiversidade (flora), xeran hábitat, alimento e zonas de refuxio para a aves, polinizadores e invertebrados, ao tempo que facilitan a conectividade ecolóxica dentro do espazo verde e entre as distintas zonas. Estas pradeiras naturalizadas, formadas por plantas de maior altura, e polo tanto con maior sistema radicular, mellor adaptadas e resistentes ao estrés hídrico e con menor consumo de auga e recursos. A sega diferenciada xera variedade de alturas e composición vexetal, mellora a biodiversidade e os beneficios proporcionados polos espazos verdes. En definitiva, esta forma de xestión é a correcta e a máis respectuosa co medio ambiente, conseguíndose máis servizos ecosistémicos.
Actualmente, nos ámbitos das pradeiras naturalizadas, lugar onde medran as «herbas do campo florido» téñense identificado as seguintes especies: agullas de pastor, agulleiras, botóns de ouro, corniños, estrugas morta, herbas corocha, herbas viboreira, mexacáns, milfollas, ortigas, setes na rama, trevos, violetas, margaridas ou amorodos silvestres. Nos muros de pedra do xardín, lugar onde medran as «herbiñas do camposanto» identificáronse especies como as hedriñas das paredes, celidonias, piñeiriñas, herbas da pedra, couselos ou hedras. Todas estas especies identificadas, tato nas «herbas do campo florido» como nas «herbiñas do camposanto», están incluídas no herbario feito polas profesoras María Isabel Fraga Vila e María López Sández. Sen lugar a dúbidas, é nestes espazos onde a natureza se amosa con maior intensidade, aumentando á súa vez a biodiversidade no xardín.
Os novos espazos de plantación creados seguen o criterio do paisaxismo naturalista que se caracteriza por darlle liberdade á flora para crear espazos que simulan á natureza da contorna. Trátanse de introducir especies que, ademais de posuír un alto valor estético e especies autóctonas, contribúan a reconectar coa natureza, mellorando á súa vez a biodiversidade, con menos requirimentos de consumo de auga e favorecendo o coidado do solo e fauna. Un dos principais beneficios da xardinería naturalista é a conservación da biodiversidade, ao incluír variedades locais, favorécese a chegada de polinizadores e outras especies. Outro beneficio é o control de pragas, pois ao existir unha grande variedade de especies, a presenza de insectos que atacan ás plantas redúcese.
A totalidade da planta subministrada e plantada no xardín foi producida en Galicia.