O Concello de Lugo abre o procedemento de contratación para renovar os viais públicos da Garaballa

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo: «Continuamos atendendo ás zonas periurbanas cunha nova intervención na que renovaremos o asfalto e habilitaremos beirarrúas»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou o inicio do proceso de contratación para renovar os viais públicos na zona da Garaballa, unha actuación que permitirá «mellorar os accesos ao barrio desde a avenida Infanta Elena e o vial principal do barrio, creando tamén novas beirarrúas para os peóns». Trátase dunha actuación que, segundo explicou o Tenente Alcalde, «permitirá mellorar a seguridade viaria da zona e renovar un asfalto que en distintas zonas está deteriorado».

Xunto coa renovación do pavimento e a construcción da beirarrúa, crearanse sumidoiros e sistemas para a drenaxe das augas pluviais, que se unirán ás instalacións actuais da rede, renovarase a sinalización horizontal e vertical, adaptándoa á nova distribución da rúa, e, en coordinación coas empresas de electricidade e telecomunicacións, desprazaranse os postes que obstaculizan o tránsito, para facilitar a continuidade do itinerario peonil. Os traballos, que veñen de saír a licitación, contan cun orzamento base de 71.760,53€ e un prazo de execución de 10 semanas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 23 de xullo.

Rubén Arroxo destacou «o esofrzo» que a Tenencia de Alcaldía realiza para atender ás distintas zonas periurbanas de Lugo, e explicou que «barrios como as Gándaras ou galegos recibiron nestes anos unha serie de investimentos importantes que melloraron enormemente a calidade de vida da veciñanza, con actuacións tanto nas rúas e beirarrúas como renovando o alumeado público». Segundo Rubén Arroxo, «seguimos traballando para actuar en todos os barrios e vías da cidade, tanto con  actuacións pequenas como eliminación de baches ou renovación de treitos de beirarrúa, como actuacións integrais como a que plantexamos na Garaballa».

O edil de Infraestruturas animou ás veciñas e veciños de Lugo a facer chegar as súas reclamacións ao Concello, e destacou que estas reclamacións, «xunto coas visitas que realizamos periodicamente aos barrios, permítennos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario