Xogos para nenos e maiores, cea de picoteo e sesión de Dj. Sorteo das rifas con interesantes agasallos
Desde a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande organizan para o vindeiro sábado, día 20 de xullo, unha festa de verán moi especial: a I Festa Bonita, un evento pensado para agradecer a fidelidade dos socios -pero aberto a todos aqueles que así o desexen- que fan posible que poidan levar a cabo a súa actividade, non só coa súa colaboración económica, senón tamén polo seu apoio a través da participación en cada proposta que fan, así como os azos para seguir facendo cousas para activar a vida no rural deste pequeno recuncho do Concello de Cartelle.
Durante a xornada contarán con monitores que comezarán desde ás 17,00 horas con xogos e probas para nenos e maiores como o Gran Parix. A continuación, os cativos convértense en protagonistas cunha ximcana de xogos e probas acuáticas, así como dos obradoiros tatuaxes e globoflexia. Unha cea de picoteo porá o broche final a primeira parte da celebración. Estas actividades, así como a cea, será gratuito para todas aquelas persoas que sexan socias. Para aqueles que desexen participar, o prezo de todas as actividades e da cea será de 12 euros para adultos, e 8 euros para menores de 12 anos.
Como fin de festa, estando en verán e pensando no que gusta unha festa, terán sesión de Dj a partires das 23,30 horas aberta a todo aquel que queira pasar unha noite ao grande con boa música e baile ao aire libre.
Sorteo das rifas
Durante a noite tamén se fará o sorteo das rifas. Con cada papeleta, optarase a un premio de 100 euros para gastar nunha tenda deportiva (Decathlon), un lote de gastronomía galega e un de viños e licores galegos. Ademais, teñen lotes sorpresa, entre os cales cabe destacar uns moi especiais, os que chaman de apoio aos establecementos do concello. Trátase de almorzos para dúas persoas no Café Bar Santi de Cartelle, na Cafetería Star 83 e no Café Bar Bellomonte-Los Cubanos, ambos de Outomuro, e un peiteado de muller ou corte de home na perruquería Nova Imaxe de Cartelle. Coa adquisición destes agasallos por parte da Asociación buscan dar visibilidade así como mostrar o seu apoio a aqueles locales que se manteñen no rural, e que necesitan de todos para seguir adiante.
Tamén haberá servizo de bar, así como punto de venta de merchandising.