A Deputación de Lugo destina máis de 400.000€ a estes traballos, cun prazo de execución de 9 meses, e que consisten na mellora da drenaxe, no ensanche da vía, a pavimentación e a sinalización nos case 3 primeiros quilómetros desta vía
A Deputación de Lugo vén de iniciar en Cervo os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe. A institución provincial destina máis de 400.000€ a estes traballos, que afectan a case os 3 primeiros quilómetros da vía, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.
As melloras que se están a levar a cabo consisten na mellora da drenaxe e no ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos. Botarase sobre a calzada unha base de zahorra para regularizar o firme, e logo, aglomerado en quente. Os traballos finalizarán coa sinalización e pintado mediante marcas viais reflexivas brancas.
O prazo de execución das obras é de 9 meses, e a adxudicataria -Carferlo SL-, comprometeuse ademais a mellorar a actuación coa dotación de cunetas triangulares, revestidas e rebasables de 100 metros; aumentando o prazo de garantía en 3 anos por riba do obrigado.
Trátase dunha actuación de gran importancia, xa que a vía LU-P-1503 enlaza coa estrada provincial LU-P-1502 e serve de acceso a múltiples servizos, comunicando co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña, así como cos campos de fútbol da Granda en Rúa e o da Chá en Vilaestrofe, e co Miradoiro de Monte Castelo.